España segue sendo líder en descargas de música protexida

venres, 1 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Noutra cousa España non será líder, pero si que leva anos séndoo en materia de descargas dixitais non autorizadas. Isto non é novo, nin moito menos. De feito, xa en 2007 ocupaba o primeiro posto da Unión Europea no ranking de países aos que máis lles gustaba escoitar música sen pagar un can (cousa que, ollo, tendo en conta os prezos ao que saen algúns traballos musicais, case é do máis natural). Polo tanto, cómpre que esta nova confirmación do seu liderado internacional non se atribúa á crise, cousa que sería ben doada. Segundo se desprende dun estudo feito sobre dez países por investigadores das universidades de Granada, UPC e West of England (estudo publicado na revista estadounidense Industrial Management and Data Systems), España é o país con maior taxa de descargas ilegais de música en Internet. En total, estamos a falar do 44% da poboación dándolle duro ao botón de descarga.
O estudo fíxose sobre a base de 44.000 consumidores cotiáns de música. España ponse diante, no emprego de servizos P2P ou semellantes, de países como Holanda (35%), Italia (32%), Estados Unidos (24%), Francia (20%) ou o Reino Unido (18%) no uso de plataformas de descarga ilegal. A investigación foi promovida, como non podía ser doutro xeito, polas grandes discográficas, co obxectivo, probablemente, de mobilizar ás institucións españolas de cara a protexer os seus intereses. Esta pegada das discográficas déixase notar, amais de na información xeral, na cualificación de “ilegal” e “pirata” para todo o que teña que ver co acto de descargar.

PUBLICIDADE