España rexistrou este verán un máximo histórico en comercialización de televisores con TDT integrado

xoves, 13 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Impulsa TDT, a plataforma para o desenvolvemento en España da Televisión Dixital Terrestre, vén de achegar unha serie de cifras sobre a penetración desta tecnoloxía que semellan especialmente deseñadas para darlle azos ó sector. E tamén para apuntalar un pouco máis o cadaleito doutra tecnoloxía en vías de extinción: a analóxica. O caso é que segundo un dos máis recentes estudos de Impulsa (podemos velo aquí en pdf), no mes de xullo acadouse “un máximo histórico de vendas de televisores con TDT integrado”, o que significa que a sociedade española está un pouquiño máis preparada para despedirse de contratempos como as interferencias (a clásica chuvia na pantalla) ou a necesidade de procurar a disposición axeitada das antenas-cornos. Todo elo ligado a un vello xeito de emitir e recibir o sinal da televisión que desaparece definitivamente en abril de 2010.
No devandito repunte dos aparellos con capacidade de recepción de TDT integrada (o que facilita moito as cousas, xa que doutro xeito non nos queda outra que facérmonos cun aparello decodificador) ten moito que ver unha das febres que afecta na actualidade á sociedade de consumo, xunto coa da renovación inmediata do móbil ou a da segunda ou terceira vivenda na costa: a febre da pantalla plana. O incremento nas vendas destes aparellos fixo que se acadara o dito máximo histórico na comercialización de televisores con TDT integrado. Así, dos 371.694 sintonizadores TDT que se venderon no mes de xullo, 170.372 van ligados a aparellos con TDT de serie, o que supón preto da metade do total.
Malia todas estas cifras, Impulsa TDT considera que aínda queda por facer e que se ten rexistrado un importante número de fogares que non pode ou non quere tirar proveito das posibilidades que achega o decodificador integrado. Trátase de familias que seguen ancoradas aínda no analóxico, ben porque aínda querendo gozar da tecnoloxía nova non teñen adaptada a antena no seu edificio, ben porque non teñen consciencia das vantaxes do dixital. Para Andrés Armas, director xeral de Impulsa, “aqueles usuarios que dispoñan de capacidade para ver a televisión dixital e sigan a empregar o modo analóxico están a desaproveitar non só a oportunidade de mellor a calidade de imaxe e son dos seus televisores, senón que, ademais diso, non están a gozar dunha oferta de balde e maior de canles e contidos”. Ó seu xuízo, é preciso que as familias lles esixan ás comunidades ás que pertencen a adaptación dos receptores a antenas colectivas, requisito obrigatorio de todas as comunidades de veciños previo ó apagón analóxico.

PUBLICIDADE