España pasa a ocupar o posto sétimo dos países que máis correo lixo envían

luns, 4 de agosto do 2014 Redacción

Un exemplo de spam lanzado co anzol da procura de parella

Os informes sobre correo lixo do mes de xuño sitúan a España no posto 7 da listaxe de países que máis refugallos en liña, nas moitas das súas modalidades (publicidade enganosa, tentativas de phishing e suplantación de identidades, ligazóns a enderezos con malware, etc), envían ao mundo. Isto, segundo a investigación feita por Kaspersky Lab, confirma a dubidosamente honrosa escalada do país en materia de spam, xa que partía dunha posición previa no número 16. Acompañando a España atópanse Estados Unidos (13,2%), Rusia (7%), China (5,6%), Vietnam (5,3%) e Arxentina (4,1%). A listaxe complétana Alemaña (3,7%), España (3,6%), Ucraína (3,2%) e Italia (2,9%). O décimo lugar ocúpao India, desde onde se enviou o 2,8% do correo lixo mundial.
Segundo o informe de xuño da dita compañía de seguridade informática, a estatística de organizacións atacadas polos phishers (tentativas de suplantación de identidades para o roubo datos persoais, xeralmente de tipo de bancario) non sufriu cambios. Encabézana os portais de correo e procura (32,1%). O segundo posto o conservan as redes sociais (27,7%) cun índice que aumentou nun 3,7%, “porque as actividades dos escolares e estudantes universitarios nas redes sociais aumentan durante as vacacións, algo que os estafadores tentan aproveitar”. No terceiro posto están as organizacións financeiras e de pagos (11,6%).
Por outra banda, os temas estrelas do devandito mes (anzois nos que trincar), ao abeiro da corrente continua do correo non desexado, foron os seguintes: a procura de parella, o conflito bélico de Ucraína e as vacacións de última hora.
Iso si, a cantidade de spam no tráfico mundial de correo en xuño baixou nun 5% e fica no 64,8%, segundo o informe mensual de Kaspersky Lab. Esta redución, sinálase, pode estar relacionada coa tempada estival, xa que no verán baixa a intensidade das actividades de negocios e moitos bots de correo non desexado desconéctanse durante as vacacións.

PUBLICIDADE