España, o cuarto país da UE no que máis aumentou o acceso á Rede desde 2011

mércores, 12 de xaneiro do 2022 S. P.

Esta semana puidemos coñecer detalles do informe Tecnoloxía + Sociedade en España 2021 (PDF), elaborado polo Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) co obxectivo de dar acubillo á información máis relevante do ámbito TIC estatal da publicada durante todo o ano 2020 até novembro de 2021. Segundo se fai saber, España é o cuarto país da Unión Europea no que máis medrou o acceso a Internet en fogares dende 2011.
Fíxoo cun incremento de 32 puntos porcentuais.
Amais, a porcentaxe de vivendas con cobertura a Internet pasou no último lustro do 81% de 2016 ao 95% de 2020, o que supón case a totalidade de fogares españoles con conexión a Internet.
Desa porcentaxe, o 89% de casas dispoñen dunha conexión maior de 100 Mbps, o que “significa que non só hai máis fogares en España con conexión a Internet, senón que esa conexión é significativamente rápida na maioría deles”, informa o observatorio ONTIS, engadindo que na última década aumentou a conectividade “na España baleirada”. Así, se ben no ano 2011 as zonas rurais tiñan un acceso a Internet 15 puntos porcentuais por baixo das grandes zonas urbanas, en 2020 a diferenza é de tan só 5 puntos.
Por outra banda, o informe tamén pon o foco nos efectos da COVID. Así, dende o inicio da pandemia, o número de internautas (persoas que utilizaron internet nos últimos 3 meses) creceu un 3,7%. Ademais, o 83% da poboación española accede todos os días a Internet e o 81% conéctase varias veces ao día.
O informe tamén reflicte a existencia dunha brecha de dixitalización entre pemes e grandes empresas e microempresas de 15 puntos. “Con todo”, engádese, “o ámbito de equipamento e infraestruturas é onde a diferenza entre segmentos empresariais é máis reducida (7 puntos porcentuais)”.
Polo que respecta á porcentaxe de microempresas que contan con páxina web, a taxa medrou 6,5 puntos porcentuais en catro anos até situarse en case o 42%.

PUBLICIDADE