España é o país de Europa con maior número de computadores zombi

luns, 11 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Entre as dubidosas honras de España cóntase, tecnoloxicamente falando, a de ser o país que máis computadores zombi atesoura do ámbito europeo. Isto non significa que a sociedade española sexa a que máis babexa perante a pantalla, aínda que podería ser. Non, significa entre outras cousas que se trata do membro da Unión que máis e mellor responde aos manexos dos ciberdelincuentes. Así nolo conta a empresa Secura a través dun estudo recente de seu, no que se fai fincapé en que os principais culpábeis desta situación, amais dos propios internautas españois por navegar e premer sen moito xente (aínda que ás veces o proceso pode darse igual en navegacións con sentidiño), son os chamados bots, programas que se instalan sen facer ruído e que nos usan logo de anzois para cometer fraudes, a nós e a terceiros.
Segundo se engade na investigación, España é o segundo país do mundo neste dubidoso privilexio, récord que pon ao país na picota dos computadores infectados por un programa que pode ser totalmente controlado por un hacker ou cibercriminal, e que, porén, pode combaterse de xeito sinxelo e rápido.
Cómpre subliñar que os ditos bots botan raizames nos nosos computadores ao aproveitarse de certas carencias de seguridade. Manter un sistema antivirus ben actualizado e activo, pode ser un bo paso para evitar estes problemas. Andar con sentido común na Rede, procurando non premer en ligazóns dubidosas, proponse como o segundo requisito a seguir, que non o menos importante. Por exemplo, cómpre fuxir de calquera cousa que nos chegue a través do correo electrónico ligado a cómo obter cartos de xeito rápido, ao sexo ou ao morbo relacionado con novas de actualidade.
Ao aproveitarse dos fallos de seguridade do sistema operativo ou dos programas que temos instalados”, coméntase dende a dita empresa, “adoitan a ficar ocultos pero activos, escoitando sempre as ordes que o seu creador lles fai chegar; este tipo de aplicacións mal intencionadas clasifícanse como malware e, segundo se van estendendo, créanse redes de equipos zombis que poden chegar a ter millóns de membros”, todos eles internautas inconscientes de que son zombis, cousa que se achega como o principal atranco para solucionar o problema.
Para facérmonos unha idea da incidencia deste proceso, dicir que o ano pasado a Garda Civil, en colaboración co FBI, desartellou unha rede desta índole que tiña millóns de ordenadores infectados. Os cartos, unha vez máis, son a principal razón de que alguén nos converta en membro da súa rede malware sen ternos consultados antes: “O motivo principal é puramente económico”, puntualiza Secura, ao que engade que os programas teñen potencial para dar acubillo e amorear todo o que tecleamos, como por exemplo os números da conta de banco. Amais de manter un antivirus ben actualizado e facer escaneos frecuentes á procura destas presenzas non desexadas, Secura recomenda manter o sistema operativo e os programas que usemos en bo estado.

PUBLICIDADE