España, á cabeza de Europa en uso de códigos QR

mércores, 19 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O país irá mal, que vai, pero novidades como o iPhone 5 e outros aparellos con vistas a marcar un antes e un despois da tecnoloxía teñen sen dúbida o seu público. Como ten o seu público unha tecnoloxía que nos colleu a moitos por sorpresa, que non imaxinabamos que ía ter tal medre en España, un país que tampouco é que destaque moito en aproveitamento das novas tecnoloxías. Falamos dos códigos QR, que segundo un estudo elaborado por comScore, trunfan entre os españois. O informe, que tivo como base cinco países da Unión Europea, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido e España, sinala a este último como o Estado onde máis se espallou a lectura dos códigos QR durante o último trimestre.
O país, de feito, achégase neste intre ao 16% de penetración, cunha taxa de incremento de uso do 96%, situándose xa arredor dos 17,4 millóns de usuarios. Os motivos polos que se usan os ditos códigos son semellantes aos que mobilizan ao resto dos europeos: primeiro a descarga de información dun produto calquera (o 70%), segundo a busca de datos de actividades (un pouco menos de un terzo dos usuarios), terceiro a procura de cupóns de ofertas.
Os códigos QR (Quick Response Code, Código de Resposta Rápida), para que non o saiba, son eses módulos-códigos de barra bidimensionais que podemos ver xa en múltiples produtos e que nos convidan a pasar o teléfono co sistema de lectura axeitado por enriba deles para obtermos información de contado sobre o devandito produto.

PUBLICIDADE