Espállase internacionalmente o comercio electrónico nas historias de Instagram

luns, 17 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O emprego de Instagram como plataforma de comercio electrónico é cada día maior, e tras estrearse en xuño a posibilidade de inserir adhesivos de cesta da compra nas historias, agora abren este proxecto internacionalmente, de xeito que chegan a empresas de 46 países, de xeito que cada día será máis doado que atopemos empresas que permitirán que poidamos acceder á compra en liña dos seus produtos a través de ligazóns en historia de Instagram.
Dende Instagram aseguran que cada mes hai máis de 90 millóns de usuarios que ven as etiquetas que facilitan o acceso á compra de produtos, confirmando o interese do público ante a posibilidade de identificar os produtos que están a amosarse visualmente, así como o poder facilitar a súa compra directa e, para levar o fenómeno aínda máis adiante, agora tamén introducen as publicacións de comercio electrónico de Instagram como unha canle dispoñible na sección de Explorar da aplicación, facendo moito máis accesible saír de compras dende a aplicación de Instagram.
Estas novidades sobre o aproveitamento do comercio electrónico dentro de Instagram comezan hoxe o seu espallamento global, pero poderán tardar semanas en estar totalmente espalladas entre todos os usuarios da plataforma.

PUBLICIDADE