Esgotadas as máis de 3.200 prazas de formación online gratuítas do Concello da Coruña

xoves, 12 de novembro do 2020 S. P.

Finalmente a fase de inscrición do programa docente lanzado polo Concello da Coruña ao abeiro do plan PRESCO (Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña) resultou ser un éxito de participación. Así o confirmou estes días o Goberno local, que fixo saber que xa están esgotadas as 3.200 prazas de formación online e gratuítas que se puxeron a disposición da cidadanía, incluíndo 50 accións de adestramento. O prazo de inscrición comezou 22 de outubro ás 10.00 h e finalizou o 8 de novembro cando remataron as prazas dispoñíbeis.
Ante o “gran éxito desta formación” o Concello mesmo chegou a ampliar a cifra de prazas, así as matriculacións ascenderon até as 3.601.
O programa de actividades foi concibido para sortear os principais atrancos á actividade presencial que pon en xogo a actual situación sanitaria, permitindo que a cidadanía con posibilidade de facer vida online amplíe coñecementos sen necesidade de acudir a un centro de formación (e ás veciñas e veciños que non dispoñan de computador, tableta ou datos dándolles a opción de poder acudir a unha aula con computadores e acceso a Internet para que poidan realizar as accións formativas elixidas).
Trátase dunha iniciativa deseñada para persoas en desemprego, en situación de ERTE, profesionais que cesaron na actividade ou persoas traballadoras temporais que queiran mellorar o seu emprego.
A maioría das accións formativas pódense realizar mesmo no teléfono móbil.
O Concello lembra que cada persoa puido seleccionar varias accións formativas de calquera das áreas de especialización: idiomas, ofimática, informática, mercadotecnia (marketing), administración de empresas, prevención de riscos laborais. “Todas levan competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual”, explicou o Goberno coruñés, engadindo que as accións formativas realizaranse desde a súa inscrición ata o 6 de decembro nun formato integramente online e accesíbeis na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día, calquera día da semana. Ao finalizar a acción formativa, cada persoa poderá descargar o manual de formación e obterase un diploma.
Toda a información sobre este plan de capacitación e as súas particularidades poderase consultar de forma detallada na web de Emprego do Concello.

PUBLICIDADE