Escolasinfantis.net recibe preto de 75.000 visitas no último catrimestre

luns, 8 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A páxina web de escolas infantís, á que a Xunta lle está a dar pulo por ofrecer gran variedade e cantidade de información actual sobre a rede de escolas infantís da Administración, leva recibidas nos últimos catro meses, entre setembro de 2009 e finais de xaneiro de 2010, preto de 75.000 visitas de usuarios diferentes, unha media de 700 visitas ao día.
A web, ademais de información de utilidade para o sector da educación e os pais de alumnos do noso país, ofrece as últimas novas e información xeral sobre listas de admitidos e períodos de matriculacións das escolas infantís galegas, así como respostas ás dúbidas máis frecuentes dos usuarios.
Asemade, móstralle aos internautas os pasos que deben dar para crear o seu propio blog e tal é o éxito deste servizo que xa están colgados na web un total de 99 blogs de centros e 165 persoais.
Os contidos creados polos usuarios son diversas publicacións, que suman 4.500, e existen case 2.700 comentarios a estas publicacións. Esta cifra pon de manifesto a rede que se crea cos blogs, xa que segundo diversos analistas por cada comentario, unha publicación rexistra entre 30 e 50 lectores distintos. De feito, o departamento autonómico destacou que as publicacións nos blogs “son moi seguidos polos pais e nais e polos educadores dos centros"
No que se refire aos aspectos máis tecnolóxicos, a web conta con 100 GB de tráfico mensual, cen veces máis que no ano 2007 e mostra 20.000 fotografías e uns 370 vídeos, ademais de 80 cancións e 380 presentacións.
Con este proxecto, a Consellaría de Traballo e Benestar, que seguirá a incluír novidades no portal, pretende “integrar nas escolas infantís as novas tecnoloxías da información e comunicación”.
Entre as citadas novidades que dito departamento vai incluir destacan a promoción do uso do comedor virtual por parte dos pais e nais co envío de receitas o visitas aos menús escolares; o fomento da creación de novos recursos para os nenos e nenas a través de ferramentas pedagóxicas que, ademais dos propios educadores poidan utilizar os pais e nais; e a posta en marcha do ‘portfolio’, unha carpeta que incluirá os traballos dos cativos para que os seus pais podan velos na web.

PUBLICIDADE