Escoitar as cores: unha realidade grazas a Vodafone Firsts e o músico Neil Harbisson

xoves, 13 de febreiro do 2014 Redacción

Ser o primeiro en facer algo e empregar a tecnoloxía móbil para levalo a bo fin é o obxectivo de Vodafone Firsts, un programa de social media que -como xa dixemos en Código Cero- dá azos a todos aqueles que queiran converterse en protagonistas dunha historia ideada por eles mesmos, iso si, coa condición de ser algo nunca antes visto. É o caso de Neil Harbisson, británico de pai irlandés e nai española, un artista e músico que naceu con acromatopsia, unha condición visual que lle impide distinguir as cores. Emporiso, grazas a un ollo electrónico (Eyeborg) que leva na fronte pode interpretalos como frecuencias musicais, xa que o dispositivo converte a luz en tons máis altos ou baixos que percibe a través de vibracións até o seu oído interno.
Co apoio de Vodafone, Harbisson compuxo unha obra musical baseada nas cores do Palau da Música de Barcelona, e ensinou a unha orquestra a “escoitar as cores” do mesmo xeito que el o fai.
Así, por primeira vez no mundo, os 42 membros do Coro Xuvenil do Palau da Música e un cuarteto catalán de corda cantaron e tocaron as notas baseadas nas cores que percibían a través de tablets, controlados á súa vez por Neil Harbisson. A través da tecnoloxía móbil, Harbisson rexistrou as cores do Palau da Música nunha tablet e compuxo a música nun dispositivo semellante. Dirixiu a orquestra mediante a súa tablet, que ía irradiando diferentes cores ao mesmo tempo aos membros do coro e ao cuarteto de corda.
Cómpre dicir que Harbisson tamén desenvolveu unha aplicación que permite que a xente experimente a cor da mesma maneira que el. A aplicación emprega a cámara do teléfono para analizar a cor e transformala nun son que se reproduce a través do altofalante do smartphone.

PUBLICIDADE