Erasmusu, a comunidade con raizame galega, supera os 20.000 usuarios

venres, 25 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Se hai redes sociais ligadas a todo tipo de colectivos, tendencias e mobilizacións, como non ía habela sobre a comunidade de mozas e mozos que se benefician das vantaxes dos programas Erasmus e dos seus intercambios educativos? En certa maneira, eles mesmos son unha rede social 2.0, tal é o nivel de transferencia de coñecemento e de amizade que veñen amosando. Con todo, coa Internet ábreselles un mundo, e froito disto é Erasmusu, comunidade de orixe galega que xa vai alén dos 20.000 usuarios rexistrados (de máis de 150 países) e que se atopa en plena fase de ampliacións, coa posta en marcha de Erasmus Experience, servizo que se dirixe a recompilar crónicas, opinións e puntos de vista dos usuarios sobre cidades e universidades europeas.
A comunidade Erasmusu, cualificada polos internautas como “a wikipedia dos estudantes de intercambio”, participa das bases e das liñas de traballo dunha plataforma 2.0: faise a si mesma a partir das achegas dos seus integrantes, que son os que recomendan onde durmir, os que ofertan espazos libres para compartir, os que achegan información sobre as cidades onde viven e os que fornecen á comunidade de ligazóns de amizade. Asemade, resolven dúbidas e subministran datos sobre bolsas e programas de mobilidade. “Con esta información”, contan dende a empresa Cokidoo, “configúranse rankings que permiten comparar as diferentes cidades e universidades, axudando aos futuros erasmus que teñen que escoller entre distintos destinos”.
Volvendo a Erasmus Experience, dicir que o que se pretende con este servizo é buscarlle o máximo valor ao intercambio de experiencias, facilitándolle a estadía noutras cidades aos futuros estudantes viaxeiros. As opinións achegadas poderán ser votadas e, segundo informan os responsables da web (Cokidoo), o estudante gañador participará no ESN Ibiza Trip 2011 xunto con 2500 erasmus. Este certame conta xa con máis de 100 experiencias que compiten polo primeiro posto.
A comunidade en liña, como xa dixemos, ten raizame galega na súa creación e no seu desenvolvemento. De feito, foi posta en marcha por catro mozos, dous galegos e dous murcianos, que non concordan coa idea xeneralizada en algúns eidos de que en tempos de crise o mellor que se pode facer é agardar a que calme a treboada. Dende xullo de 2009, comentan, deixaron os seus respectivos traballos para dar comezo a esta aventura e facer realidade o seu soño: a creación de Cokidoo, empresa centrada na creación de todo tipo de comunidades, aplicacións móbiles, desenvolvemento e deseño web.

PUBLICIDADE