Equipos de Narón e Ribeira representarán a Galicia na final estatal da FIRST LEGO League

luns, 7 de marzo do 2022 S. P.

O equipo de Narón, gañador do primeiro premio

Finalmente celebrouse esta finde na UDC a oitava edición da FIRST LEGO League Galicia. Foi no Auditorio de Ferrol e participaron no evento uns 300 mozos e mozas de idades entre os 4 e os 16 anos. Organizada pola Universidade da Coruña, o Campus Industrial de Ferrol, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e a asociación Ingeniera soy, esta edición celebrouse de novo de forma presencial, despois de que a pandemia obrigase a virtualizala o ano pasado.
No evento, o equipo CON3CT4 – H4CKZ4P0S, de Gazapo Xestión SL (Narón, A Coruña) resultou gañador obtendo o Primeiro Premio Ingeniera soy. En segundo lugar, quedou o equipo Mega Builder Team, de Mega Ribeira (Ribeira, A Coruña) co Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Estes dous equipos clasificáronse para a gran final nacional que terá lugar o sábado 2 de abril no Pazo de Congresos Torremolinos-Costa del Son en Málaga. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, fíxolles entrega dos premios felicitando a todos os participantes, así mesmo aproveitou para animar ás mozas presentes a seguir cos estudos tecnolóxicos.
Ademais destes premios, a FIRST LEGO League entregou os seguintes galardóns:
-Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST: Efigy Girls Montespiño.
-Segundo Premio Deputación da Coruña ao Valores FIRST: Catabótica, do IES Catabois (Ferrol, A Coruña).
-Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación: Pathfinders, do Colexio Internacional Eirís (A Coruña).
-Nomeado aos Global Innovation Awards: Efigy Girls de Montespiño.
-Premio ao Deseño do Robot: Montecastelo BOT, do Colexio de Fomento Montecastelo (Vigo, Pontevedra).
-Premio ao Comportamento do Robot: CON3CT4 – H4CKZ4P0S.
Premio Gabadi á Excelencia na Enxeñaría: Gázapon – INH, de Gazapo Xestión SL (A Coruña).
-Premio Novas Promesas: Robot City Pobra, do CEIP Salustiano Rey Eiras (A Pobra do Caramiñal, A Coruña).
-Premio ao Adestrador/a para Pablo e Lucía de Gazapo Xestión SL (A Coruña).

O equipo de Ribeira obtivo o segundo gran premio do campionato galego

41 equipos
O Auditorio de Ferrol acolleu na mañá deste sábado a edición galega dun campionato no que participaron un total de 41 equipos (21 na categoría FLL Challenge, 19 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) con preto de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, contou coa colaboración de máis de cen persoas voluntarias.
Ademais do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiron ao evento o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcadesa de Narón, Marián Ferreiro, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabildade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o responsábel de Transformación Dixital no estaleiro da ría de Ferrol, Rafael Morgade, entre outras autoridades.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.
Que é a FIRST LEGO League?
É un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
O desafío First LEGO League en España
Desde este ano, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posíbel grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.

PUBLICIDADE