Enxeñaría Informática despide 57 tituladas e titulados

venres, 8 de xuño do 2018 Redacción

Este 7 de xuño o alumnado de último curso do grao en Enxeñaría Informática, da ESEI de Ourense, celebrou no Campus os seus actos de graduación. En total, participaron no acto oficial (festexando o remate da súa formación superior) 57 enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, que estiveron acompañados por membros da comunidade universitaria, familiares e amizades. Para todos elas e eles, as autoridades académicas tiveron palabras de recoñecemento polo “esforzo realizado” e de bos desexos para o seu futuro profesional. Na xornada de celebración (un algo máis tarde) tamén tivo parte activa o alumnado de último curso do grao en Xeografía e Historia, da Facultade de Historia (20 historiadoras e historiadores).
O primeiro dos actos foi o da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que tivo lugar no Edificio Politécnico e que estivo presidido por Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do Campus de Ourense, estando como padriño de promoción o profesor do centro Manuel Vilares. “O voso papel é ser enxeñeiras e enxeñeiros informáticos e traballar para poder crear os mellores e máis grandes sistemas informáticos”, díxolles aos futuros profesionais o director da escola, Francisco Javier Rodríguez, convidándoos a seguir formándose durante toda a súa vida profesional, pois son moitas as evolucións e as transformación ás que se somete a sociedade dixital, e ás que somete (tamén) aos restantes ámbitos da nosa vida cotiá. Rodríguez tamén lles lembrou os bos agoiros profesionais que os acompañarán no seu tránsito ao mercado profesional. “Saíde aí fóra e demostrade o que valedes e non esquezades que nesta, a vosa casa, sempre seredes benvidos”, afirmou.
O segundo dos actos foi o da Facultade de Historia, no Edificio de Ferro. Tamén presidido por Virxilio Rodríguez, a nova promoción estivo apadriñada polos docentes do centro Susana Reboreda e Francisco Javier Pérez Rodríguez.

PUBLICIDADE