Entrégase o Premio ViaGalicia 2019, que vén con 150.000 euros de financiamento

venres, 1 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Juan González Pérez, alcalde de Nigrán; o delegado de Estado en Zona Franca de Vigo, David Regades; Bibiana Rodiño, directora xeral de BETA Implants, e a directora de GAIN, Patricia Argerey.

Hoxe foi un día relevante para a edición 2019 da aceleradora ViaGalicia, posta en marcha pola Zona Franca de Vigo e máis a Xunta. En detalle, entregouse ao abeiro da dita iniciativa de impulso empresarial e innovador, por primeira vez, o Premio ViaGalicia 2019, dotado con 150.000 euros de financiamento. O galardón foi dar a BETA Implants, nova firma innovadora adicada ao deseño e produción a medida de implantes para animais. O recoñecemento foille entregado á dita startup de mans do delegado de Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e a directora de Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
O comité técnico encargado de seleccionar o proxecto gañador entre as máis de medio centenar de firmas presentadas á primeira edición deste recoñecemento salientou “a evolución do modelo de negocio de BETA Implants desde a súa participación na aceleradora, a súa consolidación no mercado, o valor engadido e innovación que achega ao sector e a creación de emprego de calidade (cualificado e de carácter indefinido)”.
Como dixemos, este recoñecemento dotará ao proxecto de 150.000 euros de financiamento, procedentes de XesGalicia e Vigo Activo, para apoiar os seus plans de afianzamento e medre internacional.
Durante o acto de hoxe, Regades sinalou que “BETA Implants é o exemplo perfecto de empresa produtiva que ViaGalicia quere seguir apoiando, con proxectos innovadores con capacidade para crear emprego para Galicia e de manterse no tempo a través de modelos de negocio sólidos”.
Pola súa banda, a directora de GAIN, Patricia Argerey, recalcou “o carácter innovador da empresa gañadora”, así como do resto de empresas aceleradas na quinta edición de ViaGalicia, “que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía galega presente e futura”, salientou.
A entrega deste premio, que recibiu Bibiana Rodiño, directora xeral de BETA Implants, celebrouse durante a clausura do Investors Day, xornada na que participaron un centenar de investidores (business angels, consultores, directivos de banca e axentes doutras aceleradoras) coñecendo as oportunidades de negocio das startups aceleradas nesta última edición de ViaGalicia, todas elas, en maior ou menor medida, relacionadas coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC).
Con vistas a conceder o dito galardón, ViaGalicia avaliou as cifras dos proxectos presentados a esta convocatoria, salientando a creación de máis de 60 empresas, das cales o 80% continúan hoxe activas. “Todas elas”, explica a Zona Franca, “facturaron máis de cinco millóns de euros e xeraron máis de 240 novos postos de traballo cualificado, dos que o 83% son empregos indefinidos”. En total, os proxectos acelerados en ViaGalicia conseguiron captar 19 millóns de euros de financiamento, da que o 52% é de orixe privada.

PUBLICIDADE