Entregados os premios da campaña para impulsar as vendas online do comercio lucense

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Redacción

A sede da Deputación de Lugo no Pazo de San Marcos acolleu este xoves 9 de decembro o sorte dos premios da campaña Neste Nadal o comercio local, tamén dixital, unha iniciativa impulsada os pasados días festivos pola Federación Galega de Comercio con apoio económico (de 32.000 euros) da Deputación de Lugo. A campaña tivo o obxectivo de “fomentar as vendas no comercio de proximidade da provincia e reivindicar este sector como un motor fundamental da súa economía”. No sorteo de hoxe participaron (entre outros) o presidente da Federación, José María Seijas, o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
No acto fíxose fincapé na elevada participación conseguida (rexistráronse 34.440 tíckets, o que supuxo un aumento do 3% con respecto ano anterior) e o relevante número de establecementos e concellos implicados (as compras rexistráronse en 5.500 comercios de 40 localidades de toda a provincia). No sorteo repartíronse un total de 10.000 euros distribuídos en 40 tarxetas prepago de 300 e 200 euros.
A campaña
A campaña presentouse a comezos de decembro na sede da Deputación de Lugo. Deuse a coñecer como “unha estratexia novamente ligada ás redes sociais e cun forte compoñente tecnolóxico (anímase á participación integral da cidadanía a través dos seus móbiles e tabletas, seguindo o ronsel de éxito das anteriores edicións).
Na presentación, Tomé reivindicou os establecementos de proximidade por ser “un motor importante da economía da provincia”, en tanto que xeran máis de 20.000 empregos e representan en torno ao 13% do Produto Interior Bruto (PIB). Tamén salientou a vontade do sector por transformarse e aproveitar ao máximo as novas tecnoloxías para achegarse á cidadanía, renovarse e facerse máis rendíbel e competitivo.
A campaña foi dirixida aos consumidores co fin de fomentar o pequeno comercio a través da venta presencial e online.

PUBLICIDADE