Entregados os premios aos equipos gañadores na First LEGO League Galicia

luns, 7 de xuño do 2021 S. P.

O reitor da UDC, Julio Abalde, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o coordinador de FLL Galicia, José Antonio Becerra, entregaron este sábado os premios da First LEGO League Galicia. Os galardóns foron dar aos equipos Captioma Steams, de Ourense, e Efigy Girls e Las Acacias Bots (estes dous últimos de Las Acacias de Vigo). Estes centros representarán a Galicia na fase nacional da competición FLL, logo de quedar nos tres primeiros postos, respectivamente, na fase galega que se celebrou o 29 de maio no Campus de Ferrol, de forma telemática. A Escola Politécnica da Universidade da Coruña, no campus ferrolá, acolleu este 5 de xuño o acto de entrega de premios de forma presencial aos tres equipos que competirán en Tenerife a finais deste mes.
Ao acto tamén asistiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o director da Escola, Andrés Piñón, e profesores voluntarios da organización da FLL Galicia.
O reitor felicitou ás alumnas e alumnos polo “seu bo traballo nesta edición da FLL Galicia” e agradeceu a todas as persoas implicadas na organización dun evento no que participaron un total de 250 estudantes, en especial ao coordinador do proxecto educativo, o profesor do Campus de Ferrol, José Antonio Becerra.
Abalde salientou tamén “o éxito dos dous equipos formados integramente por alumnas”, en referencia a Efigy Girls, e animounas “a seguir as súas vocacións tamén no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
Para o alcalde, a FLL Galicia “move conciencias á vez que promove a ciencia con algo que parece un xogo pero é o futuro”, manifestou.
Finalmente, o coordinador da FLL Galicia, ademais de desexarlle ao alumnado sorte na fase nacional, animounos a seguir cuestionándose como funciona o mundo para facer entre todos un mundo mellor.
A proba galega
A Universidade da Coruña organizou, o pasado sábado 29 de maio, a First LEGO League Galicia (FLL Galicia), nunha modalidade integramente en liña por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19. Nesta sétima edición, participaron un total de 34 equipos (19 na categoría FLL Challenge, 12 na FLL Explore e 3 na FLL Discover) e máis de 250 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, puido seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia e mais da páxina web da competición.
Como cada ano, colaboraron nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinaron a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Que é a First LEGO League?
É un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Ademais de deseñar, construír e programar un robot, teñen que desenvolver un proxecto científico.

PUBLICIDADE