Entregados os galardóns da terceira edición do campionato galego D3Mobile

xoves, 30 de xuño do 2016 Redacción

Finalmente os equipos vencedores na D3Mobile Metrology World League 2016, que avanzamos os días pasados dende Código Cero, recibiron este mércores os seus respectivos premios no marco dunha cerimonia que congregou na Escola Politécnica Superior da USC a preto de medio centenar de estudantes de ESO e BAC e profesorado de centros educativos de ensino medio de Galicia e doutras comunidades autónomas como Castela e León ou Asturias. O gañador desta terceira edición foi o equipo Aspaveres, do IES Nº1 de Ribeira, formado por Abel Muñiz Cameán, Marta Franco González, Almudena Pérez Parada e José Manuel Pena Fernández, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea. Elaboraron o modelo 3D dun tipo de zapatilla moi popular e moi espallada entre os adolescentes e que xa fora modelada en edicións previas.
Cada alumno deste equipo de Ribeira recibiu un premio tecnolóxico, e o centro ao que pertencen equipamento de laboratorio, unha subscrición á revista Educación 3.0 e unha zapatilla asinada por Pau Gasol.
O subcampión do certame, cun modelo 3D dunha estatua da Virxe María, foi o equipo Black Rangers do Salvador formado polos alumnos Salvador Mejía Rosales, Ariel Alexander Cruz Martínez, José Alejandro Ramírez Trujillo e Carlos Rafael Gil Alvarado, coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas Leiva, que non puideron asistir á cerimonia en Lugo. Como tampouco puido o gañador do terceiro premio, o equipo estepeño Awawa69 dos Eduardo Muñoz Tejada, Rafael Muñoz Sánchez e Sergio Gálvez Martín que, coordinados por Salvador Páez Díaz, realizaron o modelo 3D dun galo.
O equipo Ausiets, de Gandía (Valencia), formado por Pau Sánchez Climent, Aly Alexandra Cuba, Xema Martínez Pascual e Julieta Antoniazzi, coordinados por Amparo Bataller Vidal, foi o equipo debutante mellor clasificado tras elaborar o modelo 3D dunha figura xeométrica.
Pola súa banda, Ángela Mª Martín García, Inés Suárez Arca, Paula Pastor Calvo e Lucía Menéndez Arca, do IES Val de Ebro, foron os máis votados polos propios finalistas co modelo 3D da escultura Hortelana, situada na localidade navarra na que viven, Tudela, vila que xa foi premiada na edición anterior con outra das súas esculturas urbanas realizada por outro equipo do mesmo centro, coordinado tamén polo profesor Paulino José Martínez Salcedo.
D3Mobile, como recordaremos, é un campionato pioneiro de modelado 3D de precisión teléfono móbil orientado a estudantes preuniversitarios e promovido polo grupo de investigación USCAN3D da USC en colaboración coa Fecyt, Fundación Vodafone España, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), ademais doutras entidades públicas e privadas. Na competición deste ano tomaron parte 1.348 alumnos e 249 profesores de 223 centros educativos de 37 países de todo o mundo.

Foto de grupo dos equipos gañadores coas autoridades

PUBLICIDADE