Entregados os galardóns aos novos empresarios e emprendedores de AJE-Galicia

xoves, 19 de decembro do 2013 Redacción

Finalmente a Asociación de Novos Empresarios de Galicia (FEGAXE - AJE Galicia) fixo entrega da terceira edición do seu Premio Novo Empresario de Galicia. A gala final do certame celebrouse este mércores na Cidade da Cultura e nela deuse a coñecer á firma galardoada co dito recoñecemento: a empresa lucense Amslab, unha iniciativa de alicerce tecnolóxico que centra as súas liñas de actividade en solucións e servizos para os sectores agroalimentario, ambiental ou clínico. Cómpre lembrar que a firma xa recibira en 2013 o Premio Novo Empresario que lle concedeu AJE Lugo.
Polo que atinxe ao Premio Novo Emprendedor, foi para a empresa coruñesa Nordés que elabora bebidas alcohólicas Premium feitas integramente na nosa terra e competindo no mercado internacional. Xenebra Nordés, Vodka Nordés e Vermús Nordesía son o seu tres produtos no mercado actual.
Ademais outorgáronse tres accésits. Un para A Tortillita (franquías de hostalaría baseadas na venda de tortillas individuais elaboradas con produtos con denominación de orixe), outro para Champivil (empresa de Lugo dedicada á recuperación de produtos autóctonos que se daban por desaparecidos como por exemplo cogomelos silvestres, verduras do país ou plantas medicinais) e outro para Blindaxe (iniciativa de Ferrol que aposta pola innovación nas proteccións para o deporte personalizados con envíos a todo o mundo).
Segundo informa a organización, un total de 27 empresas de toda Galicia optaban a conseguir o III Premio Novo Empresario de Galicia 2013. Ao acto de entrega, presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asistiron tamén o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o presidente da CEG, José Manuel Fernández Alvariño e o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz Arnau, entre outros.
En total 150 persoas foron testemuñas desta festa do emprendemento galego. O obxectivo do galardón foi unha vez máis o de recoñecer a aquelas empresas que na actual conxuntura económica apostan pola innovación, a internacionalización ou por ser máis competitivas e contribuír á creación de emprego.

PUBLICIDADE