Entregados en Trasalba os premios de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo

martes, 14 de novembro do 2023 S. P.

Este 10 de novembro entregáronse os I Premios de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo, convocado pola Asociación de Amigos Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e da cooperativa Coren. O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado galego de entre 15 e 25 anos, é “incentivar o cultivo da expresión oral e da oratoria entre a mocidade ao tempo que se lles redescubre a figura de Otero Pedrayo, mestre nesta disciplina”.
O acto transcorreu na Casa Museo Otero Pedrayo (Trasalba, Amoeiro, Ourense) e contou coa presenza do presidente da dita entidade, Eduardo López Pereira, e varios representantes da Asociación de Amigos Otero Pedrayo e da cooperativa Coren, así como as persoas premiadas. Tamén interveu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou os tres gañadores “polos seus coidados traballos que amosan o interese que a figura dun grande das nosas letras como Otero Pedrayo segue espertando nas xeracións máis novas”. Valentín García gabou o labor realizado polas entidades organizadoras e colaboradoras con esta iniciativa “que demostra que a lingua galega é unha lingua moderna e válida para as novas formas de comunicación, como é o caso dos podcast”.
O primeiro premio, composto por un computador portátil valorado en 2.000 euros, 500 euros en produtos Coren e outros 500 euros en metálico, recolleuno Raquel González Calvo polo seu traballo O mundo en feminino de Otero Pedrayo. O segundo galardón, dotado con 500 euros en produtos Coren, foi para Miguel Blanco por As sete Vacas de Tebra e, por último, o terceiro premio, consistente en 250 euros en produtos Coren, recibiuno Naihara Darriba, polo podcast Aturuxo.
O xurado valorou tamén moi positivamente o traballo colectivo Aprendendo sobre Otero Pedrayo, elaborado polo alumnado do IES Milladoiro, mais a peza non puido participar na fase final do concurso polo incumprimento das bases, que establecían unha participación individual.
Os podcast participantes debían versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano como o medio natural, a paisaxe, a sustentabilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral.

PUBLICIDADE