Entre na recta final o prazo para presentar propostas aos Premios GirlGeekPower

luns, 11 de setembro do 2023 S. P.

O prazo de presentación de candidaturas aos Premios GirlGeekPower, unha das iniciativas enmarcadas na Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a UVigo, afronta os seus últimos días de apertura. Estes galardóns repartirán 6.000 euros co obxectivo de estimular, apoiar e promover os estudos STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre as alumnas da Universidade de Vigo dos campus da provincia de Pontevedra. As candidaturas están abertas ata o próximo mércores 29 de setembro.
Os galardóns teñen dúas modalidades, unha para estudantes das ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde e outra para as de Enxeñaría e Arquitectura, as dúas cun premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 euros. As candidatas deben estar matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2023-24 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo, ter superado un mínimo de 60 créditos e unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Coa solicitude, que se realiza cumprimentado un formulario en liña, deberá incluírse unha carta de motivación detallando as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo, é necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.
A Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación e a Universidade de Vigo cumpre cinco anos co obxectivo de incrementar a presenza de mulleres nas áreas STEM e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. A través desta iniciativa, ambas entidades buscan “acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información”, sinalan dende as dúas entidades.

PUBLICIDADE