Entra na recta final o prazo para solicitar as axudas de Innova PEME

xoves, 4 de abril do 2019 Redacción

O prazo para presentarmos axudas para desenvolver plans de innovación e transformación na nosa empresa a través do programa Innova PEME xa entra na recta final, de feito remata o vindeiro 8 de abril. Así o lembrou onte a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, no transcurso dunha xornada informativa sobre o devandito programa, que, segundo recordou, persegue que as PEME e microempresas teñan máis visibilidade no mercado, tanto nos medios offline como (sobre todo) nas plataformas e servizos online, e todo isto grazas á creación de produtos e servizos innovadores ou a mellora dos procesos.
Na súa intervención, Argerey salientou que “a innovación, a diferenciación de produto, o deseño, as tecnoloxías dixitais ou a internacionalización son os ingredientes básicos e necesarios hoxe para que unha empresa teña éxito”. Porén, dixo, “son as pequenas empresas as que máis apoio precisan para innovar”. Neste punto, engadiu, é onde entra en xogo Innova PEME, apoiándoas para mellorar a súa capacidade innovadora.
A directora de GAIN aproveitou a cita para convidar ás empresas participantes no acto a que presenten bos proxectos á convocatoria e a que colaboren na difusión de experiencias para sensibilizar ao resto do tecido empresarial sobre o carácter estratéxico da innovación para a economía galega. De feito, no marco do encontro expuxeron a súa experiencia neste programa dúas empresas participantes na primeira edición: Galifresh e Linknovate.
Máis datos
Innova PEME inclúe axudas destinadas ao financiamento do custo das actividades integradas en plans de innovación, que lles permitan ás empresas sistematizar os procesos anovadores e transformadores e estean aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Son subvencións a fondo perdido que cobren o 50% dos custos de desenvolvemento e posta en marcha do plan de innovación da empresa (axudas de entre 40.000 e 100.000 euros). O orzamento total é de 2.800.000€.

PUBLICIDADE