Entra en vigor en Europa a Lei de Servizos Dixitais

venres, 25 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Hoxe rematou o prazo imposto pola Comisión Europea para que os xigantes da Internet tomen as medidas oportunas para adaptarse ao cumprimento da nova Lei de Servizos Dixitais (DSA), aplicable a compañías con máis de 45 millóns de usuarios activos na UE, o que incluiría a AliExpress, Amazon, a App Store de Apple, Bing, Booking, Facebook, Google Maps, Google Play, o buscador de Google, Google Shopping, Instagram, LinkedIn, Pinterest, Snapchat, TikTok, X/Twitter, a Wikipedia, YouTube e Zalando.
Enténdese que estas plataformas teñen unha relevancia sistémica, polo que teñen responsabilidades especiais para que poidamos gozar dunha Internet máis fiable e segura baseándose nunha maior protección, control e capacidade de elección dos usuarios, maior protección para os menores, unha moderación de contidos máis fiable e dilixente (con menos contido ilegais e menos desinformación) e máis transparencia e rendemento de contas, de xeito que as compañías que non cumpran co establecido poderían enfrontarse a sancións de até o 6% da súa facturación anual global, así como a chegar a tramitar xudicialmente unha suspensión temporal do servizo (cando unha plataforma rexeite cumprir as súas obrigas).
A meirande parte das plataformas dixitais estiveron introducindo cambios nos seus sistemas para adaptarse á DSA, dando conta de moitas destas novidades nos últimos días, que en moitos dos casos supón a posibilidade de librarse dos algoritmos de recomendación de contidos, de xeito que en moitos casos poderase recuperar a orde cronolóxica que moitos defenden, aínda que cómpre salientar que o máis habitual será non optar por afastarse dos sistemas de recomendación, xa que en casos como TikTok son os que fan realmente interesante o uso da plataforma.
A grande dúbida é se TikTok e X/Twitter serán quen de cumprir a DSA, por motivos moi diversos: TikTok ten a sombra da dúbida pola posible interferencia de China na plataforma; mentres que con X/Twitter a falta de recursos e os cambios arbitrarios que introduce no sistema Elon Musk poderían levar a grandes infraccións, xa que dificilmente funcionará ben un sistema de moderación e de loita contra a desinformación se a política da compañía é vogar na dirección contraria.

PUBLICIDADE