Enrique Dans analiza o impacto da tecnoloxía no mundo no seu novo libro

luns, 3 de abril do 2023 Marcus Fernández

O galego Enrique Dans, profesor de Innovación en IE University dende 1990, leva anos dando conta dende o seu blog dos moitos avances tecnolóxicos que están a ter un grande impacto social, temática que tamén abordaría nos libros Todo va a cambiar (2010) e Viviendo en el futuro (2020), e á que agora volve en Todo vuelve a cambiar, libro editado por Deusto, que sairá á venda o vindeiro 12 de abril, e que xa está dispoñible para a súa reserva en Amazon.
Desta volta Dans traza un percorrido dende os inicios da Internet e a súa evolución cara a web sociais e participativa (Web 2.0) até chegar ao momento actual, no que a tecnoloxía das cadeas de bloques está a impulsar un cambio moi importante nas transaccións dixitais e o almacenamento da información até maiores cotas de seguridade, descentralización, interoperabilidade e privacidade.
Todo vuelve a cambiar tamén examina outras tecnoloxías e o seu impacto no mundo dixital de hoxe e do futuro: o metaverso, o código aberto, as criptomoedas, os NFC ou o machine learning. Como mostra diso, parte da introdución do libro escribiuse empregando ChatGPT.
Teremos un bo volume para axudar a analizar e reflexionar sobre os avances tecnolóxicos que van ter un impacto directo nas nosas vidas, de xeito que podemos tomar decisións prudentes e informadas, sen deixarnos levar polas promesas de vendedores de fume nin polos espellismos que poden provocar as novidades que estamos a percibir nos últimos meses.

PUBLICIDADE