Endesa presenta unha web para axudarnos a consumir enerxía de xeito eficaz

mércores, 7 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A empresa enerxética Endesa está a tirar proveito da Rede para informar dunha cuestión que á cidadanía lle preocupa por partida dupla, tanto polo que supón para á súa propia economía como polo que lle achega, mal encamiñado, ao medio ambiente: o consumo de electricidade. Máis en detalle, trátase da posta en marcha da web www.twenergy.es, unha páxina con feitura e obxectivos de comunidade en liña (de feito, dálle azos ao intercambio de coñecemento) que se dirixe a favorecer e fomentar o consumo responsable da enerxía.
O seu xeito de actuar é o seguinte: facilitándolles aos internautas que tamén son usuarios de servizos de electricidade (cousas que de darse no fogar non poden ir desligadas) solucións e ferramentas para seren máis eficaces no seu consumo.
A idea, malia proceder dunha empresa enerxética (a priori interesada en que se consuma máis), é evitar que a factura do mes sexa coma unha lousa, e co beneficio de estar contribuíndo á defensa do medio ambiente.
Segundo conta Endesa, Twenergy está dirixida a todas as persoas que desexen comprometerse co pulo ao aforro enerxético. A web, que permite a interactuación dos membros da comunidade, posibilita tamén a obtención de puntos por eficacia conseguida, bagaxe que os internautas poderán trocar por agasallos ou por votos para o desenvolvemento de iniciativas solidarias promovidas por organización non gobernamentais.
A web está formada por catro seccións, desenvolvidas para facer máis doada a implicación activa da comunidade reunida ao acubillo do portal:
· O blog Aprende. Nel, os internautas poderán ler artigos sobre cuestións ligadas á eficacia enerxética e achegar o seu punto de vista sobre elas. Tamén terán a opción de descargar guías prácticas relacionadas co aforro enerxético.
· A sección Actúa. A idea é promover melloras nos nosos comportamentos de consumo a través dunha serie de retos que a páxina propón dependendo das características e os hábitos de cada usuario. Estes retos, unha vez superados, serán recompensados cos devanditos puntos.
· Recolle. Este apartado permite o cambio dos puntos por apoio a proxectos solidarios ou ben por agasallos.
· Comparte. Nesta sección habilítase un foro para que os internautas teñan ocasión de intercambiar experiencias e ideas vinculadas co emprego eficaz da enerxía.
A web é unha iniciativa inserida dentro do Plan de Eficacia Enerxética (PE3) de Endesa, que a xuízo da compañía prolonga o itinerario seguido pola mesma ao longo dos últimos anos.

PUBLICIDADE