En outubro iníciase o programa de AMTEGA para favorecer a transformación TIC das empresas: Aceleratech

mércores, 9 de setembro do 2020 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai intensificar a actividade para favorecer a transformación tecnolóxica das empresas: unha adaptación ás novas demandas e realidades dixitais en boa medida aceleradas pola actual situación sanitaria. E farao a través do programa formativo Aceleratech, impulsando a transición dixital, no que se poderán inscribir as pemes da nosa terra até o 1 de outubro. O seu obxectivo é ofrecer ás pequenas e medianas empresas, poñendo o foco no persoal directiva, a posibilidade de achegar ás máis destacadas, evolutivas e innovadoras ferramentas actuais.
As prazas para participar neste programa formativo son limitadas. Deste xeito, as persoas interesadas poderán preinscribirse ata o día 1 de outubro na ligazón específica habilitada na web do CDTIC. De entre as solicitudes recibidas, a AMTEGA seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
O programa desenvolverase a partir de outubro e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: A competencia na era dos negocios dixitais; Big Data, Data Science e Intelixencia Artificial; Internet of Things e 5Gg; Blockchain; Ciberseguridade; Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®.
A axencia salienta que a sesión de ciberseguridade enmárcase nas iniciativas do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.

PUBLICIDADE