En marzo regresa o CESGAHACK para meter as nosas novas aplicacións científicas no carril de aceleramento

xoves, 28 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Un hackathon é un encontro de programadores de software co obxectivo de desenvolver software de xeito colaborativo, nalgunhas ocasións pode haber tamén unha compoñente de hardware. O obxectivo é duplo: por unha banda facer achegas significativas ao proxecto de software e, pola outra, aprender sen interrupcións. O CESGAHACK, o hackathon organizado polo CESGA e Appentra Solutions regresa para axudar a mellorar o software de simulacións científicas a través do intercambio de recursos e coñecemento, co obxectivo de contribuír a que os científicos e os programadores aceleren o seu software e desafíos.
Segundo nos conta o Centro de Supercomputación de Galicia e a devandita empresa, a cita será entre o 25 e o 29 de marzo na sede do CESGA no Campus Sur de Santiago: un total de cinco días para pór ao alcance da comunidade innovadora e investigadora recursos tecnolóxicos que lles axuden a resolver os seus retos inmediatos, a través da redución ao máximo dos tempos de execución e do tempo que pasan codificando. Nesta cuarta edición amplían a participación a aplicacións de Intelixencia Artificial (IA), Machine Learning (ML) ou Deep Learning (DL). As aplicacións ideais son aquelas codificadas en C/C++ que alcanzaron algunha limitación que pode solucionarse coa programación paralela.
Novamente os participantes terán acceso ao supercomputador Finis Terrae II no CESGA e a un equipo de mentores expertos na optimización, paralelaxe e execución de aplicacións de HPC (High Performance Computing, ou sexa, computación de alto rendemento) procedentes das entidades organizadores e da Universidade RWTH Aachen de Alemania. Por certo que tamén se vai pór a disposición de científicos e tecnólogos o avanzado paquete de ferramentas Parallelware Tools Suite de Appentra, que lles permitirá acelerar o ciclo de vida dos seus desenvolvementos con vistas á súa aplicación (axudándolles a identificar axiña oportunidades reais de paralelaxe para a súa aplicación).
Appentra e o CESGA, facendo reconto das anteriores edicións, lembran que os precedentes son inmellorábeis. En termos máis concretos, os participantes doutras convocatorias puideron reducir o tempo de execución do seu código a case 1/50 do tempo de execución inicial en só 5 días.
Os equipos adoitan vir dunha ampla variedade de países e eidos de traballo, operando tanto en ámbitos medio ambientais (por exemplo as predicións de tsunamis da Universidade de Málaga) como en contornas ligadas ao motor (por exemplo a firma galega Xesol, traballando na análise dos patróns biométricos dos condutores para previr accidentes de tráfico).
As entidades organizadoras tamén recordan que a participación en CESGAHACK4 é de balde, pero os participantes deben presentar a súa solicitude online a través da páxina web de Appentra (www.appentra.com/training/). Ademais, premiarase aquel equipo que teña mellor progreso cunha GPU GeForce GTX 1080 Ti que patrocina NVIDIA. Neste punto, o CESGA e Appentra fan un chamamento a entidades, empresas ou persoas cun proxecto científico susceptíbel de coller impulso a beneficiarse da capacitación individualizada que, nas súas palabras, “brinda esta contorna única”, axudando a avanzar no seu desenvolvemento e aforrar tempo de execución da súa aplicación software.
Sobre o CESGA
Como lembraremos, o CESGA (Fundación Publica Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia) é o centro de calculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados da Comunidade Científica Galega, Sistema Académico Universitario e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Sobre Appentra
Appentra, pola súa banda é unha spin-off tecnolóxica da Universidade da Coruña fundada en 2012. Ofrece ferramentas de software de alta calidade que permiten un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as areas de enxeñería, ciencia e industria. Os clientes obxectivo son empresas e organizacións que executan con frecuencia aplicacións informáticas en eidos como o aeroespacial, o automóbil, a enxeñería civil, a biomedicina ou a química.

PUBLICIDADE