En marcha unha web colectiva para esixir ADSL máis barato e universal

luns, 2 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O ADSL e o seu prezo, en España á cabeza de Europa, segue a ser motivo de desencontro para os usuarios, reais ou potenciais, e para as empresas que o ofrecen. En realidade e tal e como era de agardar, as queixas só veñen dun sitio: dos consumidores. Lonxe de arredarse, dende hai tempo estamos a asistir á creación na Rede de frontes comúns cun obxectivo a todas luces beneficioso para a sociedade enteira: que a ADSL sexa máis barato e que sexa considerado un servizo universal. Entre os colectivos que máis alzan a voz atopamos á Asociación de Internautas, plataforma da que vén de xurdir unha nova iniciativa para acadar colectivamente e na Rede (que a día de hoxe vén significando o mesmo en moitos contextos) o que de xeito individual e sen a mediación da Internet dificilmente se conseguiría. A iniciativa posta en marcha, que xa podemos ver reflectida na web ADSLmasbarato.com, conta co apoio de ADSLZone.net, ADSLnet.es, Coveralia.com, Elotrolado.net e Tuexperto.com.
O seu obxectivo, máis polo miúdo, é atraer outras voces para amplificar a mensaxe: esixirlle ao Goberno que baixe o prezo da conexión. A xuízo destas plataformas, e tal e como explican na devandita web, cómpre facer todo o posible para que España deixe de ocupar os últimos lugares de Europa en afianzamento da banda larga e, asemade, estea entre os primeiros postos en cuestión de lentitude de prezo (alto). Segundo indican os responsables da iniciativa, os operadores alternativos a Telefónica non foron quen de levarlles aos internautas o custe maiorista que aprobou a Comisión do Mercado das Telecomunicacións que suporía unha rebaixa ao que pagan na dita operadora dominante.

PUBLICIDADE