En marcha unha plataforma literaria galega para dar azos á edición a través do crowdfunding: a plataforma ITH

luns, 16 de decembro do 2013 Redacción

O literario e a autoedición van cada vez máis da man. A raizame disto hai que rastrexala por unha banda nas novas tecnoloxías da información e nas posibilidades que teñen determinados servizos de seu (blogs, por exemplo) de permitir atopar achegas literarias que doutro xeito ficarían sempre lonxe dos nosos ollos. Por outra banda, hai que ter en conta tamén que as editoriais tradicionais non están para lanzar foguetes. Consecuencia de todo isto: o maxín dos nosos escritores e editores non só se deixa notar no que escriben, senón no xeito que teñen de lanzalo ao mundo. ITH Crowdfunding, proxecto galego que cingue letras e financiamento colectivo, é un exemplo disto.
Trátase, segundo reflicten os seus creadores, de algo que máis que unha plataforma ao uso de microachegas para proxectos. Tomando como base o Poema de ITH de Uxío Novoneyra, a idea básica foi construír unha canle na que obras inéditas que agardan por ver a luz teñan unha oportunidade. Os responsábeis da plataforma centrarán o seu labor en iniciativas culturais, principalmente de tipo literario ou editorial, e por extensión cultural, facendo fincapé en proxectos que pola súa natureza non convencional teñan sumado atrancos extra para saír do prelo ou para converterse en realidade.
A iniciativa vén da man de Uxío Novoneyra Rey, fillo do poeta do Courel, que conta na súa equipa co apoio da súa irmá Branca e de Carlos Arias. O proxecto insírese nos traballos despregados pola Fundación que leva o nome do noso escritor. Segundo sinalan os promotores en Praza Pública, en ITH “apóstase sobre todo pola creación e difusión literaria en todas as súas facianas: festivais, encontros, recitais, exposicións, antoloxías, webs, bibliotecas, animación á lectura...”. A plataforma en liña preséntase en catro linguas (galego, castelán, portugués e inglés) e encamíñase a chegar a un amplo número de creadores, e o da lusofonía será un dos seus ámbitos prioritarios de acción. O proxecto, que foi presentado na pasada edición do salón Culturgal, dará a coñecer en breve as súas liñas e estratexias nalgunhas das nosas principais vilas e cidades. Asemade, e para certificar que o radio de acción deséxase amplo, tamén se vai amosar Madrid e Porto. Xa a un nivel máis concreto, lembrar que ITH botou a camiñar con dúas achegas: o Proxecto Pulp de Fantoches Baj, e o Proxecto Primeiros Auxilios de Cinta Adhesiva. Sinalar por último que a plataforma baseará unha boa parte da súa razón de ser nas metodoloxías de financiamento que propician as redes. Ou sexa, que do que se trata é de facer de cada internauta seareiro da lectura e da edición teña tamén a oportunidade de contribuír tamén á creatividade e á xeración de coñecemento, converténdose el tamén en pequeno impulsor dunha obra, produtor, editor ou promotor.

PUBLICIDADE