En marcha unha nova web para dar a coñecer as empresas de Lugo

venres, 10 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Esta semana presentouse en Lugo un novo portal para empresas da cidade e da súa contorna. Trátase de Lugoshop.com, un servizo que xorde co obxectivo de converterse en tarxeta de presentación da rede comercial local e, polo tanto, nun punto de información de referencia previo a calquera toma de contacto coas empresas. Os seus puntos fortes, informa o creador da web, o emprendedor lucense Leví Freijo, son moitos e variados. En primeiro lugar, “destaca a posibilidade dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo aos establecementos de Lugo, facilmente localizábeis no plano urbano”.
Lugoshop é un portal novo que irá construíndose e alimentándose de contidos e servizos de xeito progresivo. A intención do seu creador é que dea acubillo a un directorio completo das empresas de Lugo, clasificadas por sectores de actividade, que permitirá o seu emprazamento inmediato e achegará datos de interese sobre cada unha delas, como enderezos, actividade ou números de teléfono. A páxina, que por desgraza só está en castelán (agardamos a que no devandito proceso de crecemento se incorpore unha versión en galego, co fin de completar ao máximo o seu alcance e os seus contidos), facilita como dixemos a rápida localización xeográfica de cada establecemento nun plano de Lugo, a través de Google Maps e a súa ferramenta Street View, de visión en 360 graos. O obxectivo de Leví Freijo vai alén de achegar unha páxina que nos permita o acceso á rede comercial da cidade, a finalidade é, a maiores, configurar un medio de comunicación en toda regra. De feito, dende a web xa están amosando sinais nesta liña, achegándose información sobre diferentes cuestións de interese, tanto na sección magazine (novas de moda, tecnoloxía ou arte) como no acubillo dos eventos. De feito, operará a xeito de axenda das principais actividades ligadas ao comercial e ao empresarial que se desenvolvan no espazo urbano e na súa contorna.

info portfolio

PUBLICIDADE