En marcha unha nova canle galega na Rede: RadioChuza

mércores, 28 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Rematamos o ano con novidades dende Chuza!, a comunidade galega de novas que segue especialmente viva logo de ter superado, hai uns dous anos, un peche temporal que reflectiu certas dúbidas sobre o futuro, despexadas logo polo compromiso e o labor dos internautas a prol dunha información crítica, en galego, e participativa. Pois ben, Chuza! está agora en pleno proceso de espallamento, non só no que atinxe a usuarios novos, senón na cuestión comunicativa. Falamos de RadioChuza, proxecto en marcha que, segundo conta un dos seus promotores, Socram, viría en certa maneira a encher o baleiro deixado polo feche da radio anfiteatrogz, “radio que à que nossa página ligava desde a sua capa e que unido á escassez de medios em galego decidimos que talvez pagasse a pena tomar o relevo”.
O resultado de todo isto é que o pasado día 21 tomouse a decisión de pór en marcha RadioChuza emitindo desde o Chuza. A canle, que polo de agora só emite música, sae á luz co obxectivo de servir de acubillo a múltiples iniciativas de participación. “De nos depende”, engade Socram, “que a radio fique só num fio musical chuzeiro ou se convirta em algo mais, é por isso que criamos a conta radiochuza@googlegroups.com onde qualquer pessoa interessada em aportar algo à radio sera bem-vinda”. O único requirimento que se pide é o mesmo que vale para a comunidade de información Chuza, e é que o contido achegado sexa en galego, en calquera das súas variantes.

PUBLICIDADE