En marcha unha campaña para salvar ao activista que descubriu o alcance da ciberespionaxe dos EE UU

venres, 14 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

O Goberno dos Estados Unidos considera non só que é lícito ter acceso á información privada dos internautas, senón tamén perseguir a aqueles que saquen á luz os seus intereses e das corporacións que moven os seus fíos. É o caso do cidadán norteamericano Edward Snowden, responsábel de ter descuberto o programa de ciberespionaxe do seu país e ao abeiro do cal, sostén, as autoridades estiveron a ler e gravar unha boa parte das nosas chamadas, correos e mensaxes de Skype e Facebook. E todo durante anos. O programa en cuestión chámase PRISM e está no punto de mira dunha nova campaña na Rede, multitudinaria, para apoiar a Snowden e enviar unha mensaxe esixindo “que o traten coma ao ao valente denunciante que é, e que a man dura aplíquese contra o PRISM e non contra el”.
Segundo informa a plataforma de activistas Avaaz, que é de quen parte esta iniciativa a prol de Snowden, o programa PRISM é sinistro: “Outorga ao Goberno de Estados Unidos acceso ilimitado a todos os nosos correos persoais e ás nosas contas de Google, Youtube, Facebook, Skype, Hotmail, Yahoo! e moito máis; están a rexistrar millóns das nosas mensaxes cada mes e a CIA pode utilizar esta información (agora ou no futuro) para procesarnos, castigarnos, ou extorsionarnos a nós ou aos nosos familiares e amigos”. Segundo engade a plataforma, Edward Snowden ficou “arrepiado ante o programa PRISM”, ao que considera “unha violación masiva e sen precedentes da nosa privacidade”. Deste xeito decidiu copiar gran parte dos arquivos que coñecía e envialos ao xornal The Guardian para que os publicasen, e logo escapou a Hong Kong. A súa actividade, por unha banda, descubriu os intereses ocultos do dito programa pero, por outra banda, puxo en marcha un proceso imparábel de descubrimento de programas espías irmáns, análogos, en países como Canadá, Reino Unido ou Australia. Neste intre, Edward atópase en Hong Kong, agardando a ser detido. Segundo engaden os activistas, “unha campaña de solidariedade global pode salvalo de ser extraditado a EE.UU., e pode impulsar a outros países a achegarlle acubillo”.

PUBLICIDADE