En marcha unha aplicación galega para facilitar o control total sobre unha adega de viño

luns, 5 de setembro do 2016 Redacción

Os días pasados soubemos dunha nova aplicación galega destinada a mellorar e facilitar o traballo dos nosos profesionais do viño, máis polo miúdo dos adegueiros, enólogos e viticultores. Trátase de Tractus e vén da man da firma Agronovo Ecoloxía, con sede en Lugo. Segundo puidemos saber, a ferramenta ten recursos de seu para axudar aos devanditos profesionais no seguimento detallado dos regulamentos vixentes en materia de rastrexabilidade e xestión alimentaria, amais de botarlles unha man na adaptación do seu labor diario aos ditos regulamentos e normativas.
Tractus, amais de ser un software de rastrexabilidade e xestión, incorpora tamén funcionalidades de control de produción, entre outros recursos. A idea é permitirlles aos adegueiros ou viticultores o control absoluto sobre fabricación, dende o seguimento da terra e as viñas até o intre da distribución en establecementos. Asemade, cobre procesos como o control de etiquetaxe, proceso esixido polos organismos certificadores.
Polo que se refire ao equipamento preciso para tirarlle partido a Tractus, a idea foi achegarlle ao profesional a posibilidade de facer máis con menos. Ou sexa, fornecelos cunha ferramenta que non precisase de grandes investimentos e que se puidese empregar co material existente. Por exemplo conexión Internet, computador ou tableta ou dispositivo. Asemade, Tractus pon en xogo a vantaxe de estar dispoñíbel para calquera sistema operativo.
A ferramenta, por certo, tamén achega marxe de abondo para adaptala ás nosas necesidades particulares. Este capacidade para afacerse a diferentes requirimentos e contornas permitiralle á empresa responsábel desenvolver versións para outros tecidos de actividade, por exemplo o da leite.

PUBLICIDADE