En marcha un servizo para resolver dúbidas sobre teletraballo na crise sanitaria: Cibervoluntarios Responde

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Ao tempo que se espalla o COVID-19 e poñemos en prácticas medidas para frealo, espállase tamén a solidariedade. Como por exemplo a solidariedade da Fundación Cibervoluntarios, que, co duplo obxectivo de promover o coñecemento das utilidades das TIC para paliar fendas sociais e de axudar a todas aquelas traballadoras e traballadores que deben adaptarse á nova realidade do traballo a distancia, vén de pór en marcha a iniciativa Cibervoluntarios Responde, un servizo de balde, online e telefónico para axudar ás persoas que se viron afectadas pola expansión do coronavirus e, que por tanto, “viron como a súa situación persoal e/ou profesional variou nos últimos días”.
O servizo, que xa conta co apoio de 1.500 cibervoluntarios por toda España, consiste basicamente na resolución de todo tipo de dúbidas relacionadas coas tecnoloxías máis acaídas das que se pode botar man para teletraballar, ofrecer servizos e contidos online axeitados a cada perfil ou achegar solucións para comunicarse e atender aos seus seres queridos de maneira telemática, entre outras. Todo o relativo á iniciativa podemos atopalo en www.cibervoluntarios.org. Quérese poñer o foco nas persoas que nunca antes traballaron botando man das novas tecnoloxías, persoas en corentena ou cidadáns que viven en zonas rurais e que necesitan atención online ou comunicarse cos seus seres queridos
Destacar que toda a comunicación establécese online. Porén, debido que algunhas persoas poden non ter acceso ou non saber como acceder, tamén se pon a súa disposición un teléfono atendido por persoal da fundación: 915 42 29 00 (en horario de oficina de L-V de 9:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:30 h.).

PUBLICIDADE