En marcha un observatorio online para velar pola transparencia dos nosos concellos

martes, 23 de xaneiro do 2018 Redacción

Este martes presentáronse en Ourense as metodoloxías e obxectivos dun grupo de traballo directamente encamiñado a velar, dende Internet, polo bo funcionamento das nosas administracións locais, facendo especial fincapé nos parámetros relacionados coa eAdministración (goberno dixital, participación cidadá, transparencia, axilidade, eficiencia e seguridade nos trámites). Estamos a falar do Observatorio Municipal Galego. Na súa presentación, na que tamén se deu a coñecer o Informe Rede Localis, participaron Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo Gen, e Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis. O observatorio é froito do convenio de colaboración asinado en febreiro deste ano entre a Deputación e o Grupo Gen.
Sobre o Informe Rede Localis. Organización e financiamento de servizos municipais, coordinado por Mª Concepción Campos e Roberto Fernández, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo salientou que é “un documento cun enfoque moi plural” sobre o municipalismo, abranguendo as reflexións de quince expertos que abordan outros tantos “temas relevantes”, desde o financiamento ata a fragmentación local.
Sobre o Observatorio Municipal Galego, Lago subliñou que ofrece “unha radiografía en tempo real e online” das contas dos concellos galegos. O organismo difunde na Rede, na web de seu (observatorioredlocalis.com), datos pormenorizados sobre economía e fiscalidade local nos 313 concellos galegos. A ferramenta permite consultar “en que se gasta, canto se gasta, para que se gasta ou canto se ingresa e as principais partidas de ingresos a nivel municipal”. Ademais, na súa páxina web é poíbel facer comparacións por tamaño municipal ou de ámbito provincial. Por último, o observatorio fai públicas periodicamente notas nas que analiza en detalle algún aspecto de interese en relación cos datos que manexa.

PUBLICIDADE