En marcha un hotel intelixente e centrado nas nosas letras na zona vella de Santiago

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

A zona vella de Compostela, os que viven ou traballan nesa zona sábeno ben, é un fervedoiro de novas iniciativas hostaleiras e gastronómicas de vangarda. Algunhas delas emprazadas até en espazos que ben poderían ser considerados como baluartes da máis longa tradición local, como é o caso da Praza de Abastos e a súa contorna. Precisamente preto de Abastos é onde se rehabilitou os meses pasados un caserón do século XVI, con fachada de Clemente Fernández e habitado no seu tempo polo escritor e intelectual galego Manuel Murguía, co fin de dar acubillo ao Smart Boutique Hotel Literario San Bieito, un hotel urbano cualificado polos seus responsábeis como “tematizado arredor das nosas letras amais de intelixente”.
O de intelixente non é só por achegar servizos de conexión á Rede, cousa que ofrecen hoxe en día tódolos hoteis, senón por albergar no seu seo, entre outras cousas, un laboratorio de ideas e tecnoloxías aplicadas e con feitura de hardware e software, “integrando produtos e servizos dirixidos a xerar novas experiencias aos hóspedes”.
Segundo fan saber os promotores deste novo establecemento, o Smart Boutique Hotel San Bieito é unha iniciativa mixta, que combina servizos de hotel boutique de tipo urbano, cousas que van do aloxamento, almorzo e refrixerios a servizos de comunicación e tecnoloxías de libre disposición as 24 horas do día. “A nosa”, engaden, “é unha achega onde a simplificación e a automatización son claves no proceso de construción dunha proposta de valor cara aos seus usuarios, á vez que a xestión do coñecemento cultural, en especial a literatura, é o eixo temático da actividade”.
O establecemento, como dixemos, está emprazado no centro monumental de Santiago de Compostela, nunha casa do século XVI, cuxa fachada e arquitectura atribúense a Clemente Fernández Sarela. A firma ESM e Asociados, consultoría especializada no ámbito do turismo, a hostalaría e a restauración, asesorou á promotora no proceso de deseño do modelo de negocio e o desenvolvemento de produtos e servizos. O establecemento ten espazos de seu en Google Plus e Facebook, dándose a coñecer como un portal ao coñecemento e, máis polo miúdo, á longa tradición da nosa cultura literaria.

PUBLICIDADE