En marcha un centro público de demostración TIC centrado na computación na nube

venres, 9 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Malia que as redes e os seus servizos se van explicando a si mesmos a medida que se poñen ao noso alcance, e malia que a comunidade internauta tamén se preocupa de informar deles, cómpre lembrar que a carreira tecnolóxico-dixital vai a tal velocidade que en ocasións corremos o risco de ficar un pouco por detrás dela. Evitar isto e informar de todo o que acontece nas redes e na súa aplicación no empresarial é un dos obxectivos do emprazamento de investigación que vén de ser inaugurado estes días en Andalucía. Trátase, máis polo miúdo, do primeiro Centro Público Demostrador TIC, unha iniciativa especialmente centrada no cloud computing (computación na nube: os máis variados servizos para as empresas a un golpe de clic) e en apoiar ás compañías para que desenvolvan novos produtos con elevado compoñente TIC.
O centro, que conta co apoio de Vodafone, Eticom e Microsoft, o que segundo a Junta de Andalucía e Red.es (promotores institucionais), permitiralle constituírse como o primeiro escenario público de demostración real de tecnoloxías na nube, operando tanto a nivel nacional como internacional.
Por certo que este alianza entre Microsoft e Vodafone estase a materializar unicamente en España e Alemaña, malia que estea prevista a ampliación do eido de actividade conxunta. O obxectivo deste traballo ombro con ombro é colaborar no despregue dos servizos da nube, integrando as aplicacións en liña de colaboración e mensaxeiría de Microsoft cos servizos de telecomunicacións de Vodafone. A xuízo destas empresas, o desenvolvemento de solucións cloud será un dos principais motores para o medre do sector TIC nos vindeiros anos. Estes servizos permiten entre outras cousas que as empresas apoien en escenarios externos algúns dos seus procesos, escenarios que están vivos na Rede. Entre estes procesos inclúense os seus sistemas de información, incluíndo a capacidade do labor en si mesmo e do seu almacenamento. “Deste xeito”, engaden, “os usuarios dunha empresa ou organismo público poden acceder e empregar dende o PC ou o teléfono móbil as aplicacións máis avanzadas e, ao mesmo tempo, as empresas ou administracións benefícianse de reducións moi significativas”.
O emprazamento foi inaugurado polo conselleiro andaluz de Económica, Antonio Ávila, o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, a presidenta de Microsoft, María Garaña, o presidente de Vodafone España, Francisco Román e o presidente de Eticom, Adolfo Borrero.

PUBLICIDADE