En marcha un blog galego que avalía a realidade a través do deporte: Frases de Fútbol

venres, 25 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Esta semana que xa imos deixando atrás rexistramos unha nova incorporación ó eido non moi amplo (aínda) da comunidade blogueiro-deportiva de Galiza: o caderno Frases de Fútbol. O blog, que como o seu propio nome indica vai encamiñado a avaliar o dito deporte e o seu contorno a través de reflexións feitas a deshora ou a contrapelo dos seus actores principais ou secundarios, vén da man de Emilio Rodríguez Tilve e ten ó seu favor un ingrediente que sempre semella de agradecer en calquera espazo comunicativo: a ironía.
O caderno aínda está collendo pulo, pero xa comeza a apuntar cara onde se dirixe: cara a meterse no miolo de asuntos informativos de calquera índole cun pretexto tan bo como calquera outro, o fútbol.
E todo iso achegando segundas lecturas e “un enfoque crítico e/ou divertido”, segundo apunta o responsable do caderno.
Polo de agora, xa puidemos ver polo blog a figuras máis ou menos relacionadas co dito deporte (un xogo-espectáculo-negocio que a todos, de xeito irremediable, nos salpica): Fernando Alonso, Javier Clemente, Joaquín Caparrós ou Mariano Rajoy.

PUBLICIDADE