En marcha tres novas firmas ligadas á USC coa base común da innovación e o coñecemento

martes, 31 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vén de informar de tres novas empresas xeradas ao seu abeiro, tres propostas co alicerce común da innovación e, segundo engade a USC, do seu potencial para xerar emprego cualificado a curto e medio prazo. As tres novas achegas, Biostatech, Cilenis e Aquagene, tamén comparten un alicerce de aposta polo coñecemento, sendo delas Cilenis, a que máis nos toca de preto, en Código Cero, dende un punto de vista temático. Sobre todo por tratarse dunha empresa centrada na achega de servizos lingüísticos a través das novas tecnoloxías da información e o coñecemento, tecnoloxías libres.
As tres iniciativas, infórmase, recibiron xa o apoio do Consello de Goberno da USC, que estará representada en cada unha delas cunha participación no seu accionariado do 10% no caso de Biostatech e do 5% nas outras dúas.
Cilenis
Investigadores do grupo Procesamento da Linguaxe Natural (ProLNat) promoven Cilenis, firma de alicerce tecnolóxico e cunha importante aposta polo software libre (tal e como sinalan os seus responsábeis na web corporativa) cuxo principal obxectivo é o desenvolvemento de produtos baseados nos últimos avances na investigación do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística.
Esta spin-off , engádese, “buscará saída comercial ás liñas de investigación desenvolvidas por ProLNat en particular na extracción de información bilingüe a partir de corpus comparables e de similitudes semánticas en corpus monolingües, o pre-procesamento de textos e a análise sintáctica parcial baseada en dependencias”.
Nos últimos anos, o grupo responsábel da firma realizou traballos baixo a demanda materializados en catro contratos empresa-universidade. Son os principais promotores vinculados á USC os investigadores Pablo Gamallo, Iría del Río e Marcos García.
Aquagene
Este proxecto ten a súa orixe na experiencia do grupo ACUIGEN, pertencente ao Departamento de Xenética, na prestación de servizos relativos a xenética evolutiva dos peixes, xestión e conservación de recursos xenéticos, xenómica estrutural e funcional de peixes, mapas xenéticos e mellora xenética de peixes, métodos de xenotipado e xenética en acuicultura. Os principais promotores da USC implicados nesta iniciativa son o profesor Paulino Martínez, o investigador Adrián Millán e as técnicas Mónica África Otero e María Portela.
Biostatech
O traballo do grupo Interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía GRID ECMB da USC está na orixe desta nova empresa de base tecnolóxica. A súa creación é consecuencia da crecente demanda de asesoramento bioestatístico e de cursos de formación e perfeccionamento de estatística no ámbito das ciencias da vida. A firma centrarase sobre todo en achegar servizos de bioestatística no eido da formación e das achegas consultivas altamente especializadas. Os principais promotores ligados á USC son, a modo de socios capitalistas, a profesora Carmen Cadarso e as investigadoras Isabel Martínez e Altea Lorenzo.

PUBLICIDADE