En marcha o servizo Luartube para conmemorar os 1.000 programas de Luar

xoves, 12 de novembro do 2015 Redacción

Como lembraremos, o mes pasado o xa histórico programa Luar da TVG celebrou un feito que o fai aínda máis histórico: ter acadado xa os 1.000 programas en antena. Pois ben, os festexos tamén tiveron unha vertente tecnolóxica, posto que se acompañaron da posta en marcha de Luartube, o arquivo dixital específico sobre o programa que está a guindar á Internet, para os seareiros, os vídeos máis salientábeis do programa. O servizo Luartube, no que paseniño (pero sen pausa) vanse pendurando anacos referenciais do discorrer de Luar (por exemplo Gayoso rapeando con Antón Reixa, ou os ex xogadores do Deportivo Fran e José Ramón cantando cos Diplomáticos, entre outras xoias a rescatar), artéllase en cinco seccións que funcionan a xeito de pólas principais: Música Galega, Humor, Artistas de Fóra, Variedades e Momentos.
Segundo comentan os responsábeis do programa, a recuperación e dixitalización destes vídeos “é un traballo enciclopédico” do que aínda que podemos agardar unha chea de sorpresas (de feito aínda fica pendente moito material por revisar). A xuízo do equipo que está detrás de Luar, o interese xerado na Rede pola canle audiovisual acabada de pór en marcha demostra ás claras que o programa presentado por Gayoso, logo dos seus 23 anos de vida, aínda ten moito que dicir.

PUBLICIDADE