En marcha o portal limiaverde.com para dinamizar o turismo rural do sur de Ourense

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Rede galega móvese, por moito que teña atrancos (e non poucos, sobre todo de dispoñibilidade da Internet) no seu camiño. E xa que falamos de movérmonos e de camiños, hoxe toca dar conta dunha páxina posta en marcha dende a nosa terra que non semella estar feita, precisamente, para quen goste de meterse no coche para percorrer os cen metros que separan o fogar do traballo. Non, a web limiaverde.com, cuxo nome xa fala por si só, éche outra cousa. Segundo nos conta a xente da empresa NetGal Software, responsable deste desenvolvemento tecnolóxico-turístico-cultural, a web vai dirixida a servir de instrumento útil para quen queira visitar e percorrer Galicia, máis polo miúdo a comarca da Limia, e queira fuxir dos centos de informacións incompletas ou superficiais que acolle a Rede no ámbito turístico.
A páxina, que foi presentada hoxe xoves no Centro Cultural da Deputación de Ourense, constitúese como a web oficial da Asociación de Casas de Turismo Rural Limia Verde. Neste senso, o portal foi posto en marcha para cumprir un servizo ben definido: impulsar a presenza dos establecementos no amplo mercado que favorece a Rede. Con todo, os obxectivos non rematan aí: preténdese impulsar economicamente toda a comarca da Baixa Limia e a Raia Seca ofrecendo información e contidos de emprazamentos cun marcado interese turístico.
Como dixemos, a iniciativa foi deseñada pola empresa Netgal, que ten sede na Tecnópole de Ourense e que conta cun amplo currículo en materia de proxectos tecnolóxico-dixitais orientados ao turismo. “Como características salientables de limiaverde.com”, informou hoxe a dita firma, “temos un contorno visual moderno e atractivo, contidos organizados dun xeito estruturado para o usuario e con capacidade multi-idioma (galego, español e inglés)”. A idea é conseguir un portal dinámico en canto á actualización de ofertas, novas da asociación e introdución continua de novos contidos, todo isto favorecéndolles aos establecementos hostaleiros integrantes unha achega de imaxe común e identificable que axude a afianzar a súa presenza no mercado en liña. Por certo que cada casa rural disporá da súa web propia de seu dentro do portal, que será administrada particularmente por cada asociado.
A Asociación Limia Verde conta neste intre con 11 casas de turismo rural das zonas da Baixa Limia - Raia Seca - Monterrei.

PUBLICIDADE