En marcha o concurso literario-internauta para resumir un ano en 365 palabras

luns, 15 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

As palabras, para os bos escritores, non se poden tomar á lixeira. Ser conciso, dicir máis con menos e ir ao miolo do que se quere expresar é algo que teñen en común os escritores cunha manchea de usuarios de ferramentas tecnolóxicas. Esta teima por sintetizar, que é máis vella có telegrama (hai que situala se cadra na primeira escritura en pedra, proceso para o que dificilmente estarían capacitados os seareiros dos monólogos-palique), está a acadar na Sociedade da Información unha nova era de ouro. A fin de contas, a propia Sociedade da Información obriga a iso: nunha morea de datos só van ser lidos os que vaian ao gran. Celebrar isto –entre outras cousas- é precisamente o cometido da Escuela de Escritores e de Atrápalo, que veñen de convocar o certame 1 ano nun post, un concurso no que xa están mobilizados 215 internautas e que consiste en procurar o mellor resumo dos acontecementos do ano cun mínimo de palabras. Concretamente unha por cada día do ano: 365.
O certame, que chega agora á súa segunda edición, arrancou o pasado 13 de novembro e mantén aberto o prazo de entrega de traballos até o 31 de decembro. Segundo sinalan os organizadores, a convocatoria ten o gran obxectivo de animar aos internautas a ler e crear bitácoras persoais, amais de promover o intercambio de coñecemento e a interacción. Para as interesadas e interesados en participar, dicirlles que quen gañe o concurso será recoñecido cunha viaxe a Nova York. O ano pasado inscribíronse no evento case 300 bloggers de todo o estado español. Quen queira seguir as novidades do concurso literario-internauta pode facelo dende el blog de Atrápalo, onde se dá conta das últimas novidades do concurso e se achega a posibilidade de realizar as votacións dos mellores textos presentados.

PUBLICIDADE