En marcha ecologaleguistas.org para promover máis participación política na Rede

luns, 13 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A comunidade internauta galega concienciada co coidado do medio ambiente, coa participación cidadá e, tamén, coa preservación da súa lingua (tres cousas que teñen moita máis relación entre si do que pode parecer a primeira vista), teñen xa unha nova porta na Rede na que petar. Falamos de ecogaleguistas.org, web construída ao abeiro das cousas que cambiaron co 15-M e que se nos achega, polo tanto, como un espazo para a pluralidade, o fluxo de ideas e coñecemento e máis o espírito crítico ante os problemas sociais e económicos que máis preocupan á cidadanía.
A web, face visíbel do grupo político Ecogaleguistas, vai ser presentada os días vindeiros, xunto coa agrupación social da que abrolla, en diferentes xeiras a desenvolver en varios puntos da nosa xeografía. O 25 de febreiro, sen ir máis lonxe, será a quenda de Santiago de Compostela. Para quen queira máis información sobre estratexias a seguir e vindeiras citas, cómpre que visite o espazo propio da formación no Facebook (onde xa hai 100 amizades). Volvendo a web ecologaleguistas.org, dicir que foi creada ha dez días e que, ao longo deste tempo, xa recibiu un milleiro de visitas.

PUBLICIDADE