En marcha dúas novas accións para promover o galego: unha nos medios e outra nos centros educativos

martes, 8 de novembro do 2011 Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de informar polo miúdo de varias actividades para promover o galego en diversas canles e formatos de comunicación, incluídas as dixitais. Por unha banda, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo comunica o seu apoio a unha nova entrega, a segunda, do certame Minicontos De Luns a Venres Outono, unha actividade que xorde co obxectivo de afianzar a nosa lingua nos medios do país, tradicionais e dixitais, con contadas excepcións centrados case exclusivamente en potenciar o castelán. O certame vén da man do Centro Pen de Galicia e o xornal LV De Luns a Venres. Este concurso diríxese ademais a achegarlles aos lectores as obras de autoras e autores noveis e consagrados que escriben en galego. “Trátase polo tanto”, informa Política Lingüística “dunha iniciativa que nace para ampliar os horizontes da lingua e da cultura galegas a través do xornal gratuíto en galego, LV. De Luns a Venres”. Por outra banda, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén anuncia a posta en posta en marcha dun concurso de carteis para celebrar nos centros educativos o Día das nosas Letras.
Esta segunda actividade consiste en propoñer a elaboración dunha mostra arredor da obra, da época e da lingua de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do ano que vén, “así como da situación sociolingüística do momento no que viviu”, infórmase. Segundo se recolle nas bases da convocatoria –que poden consultarse na páxina web da secretaría xeral e no portal educativo– o concurso conta con dúas categorías: nunha delas poden participar os centros de educación infantil e primaria, e a outra está dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica. Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías.
A mostra que presente cada centro deberá estar constituída por un total de 10 carteis de 70x50 centímetros. “Para cada un deles”, informa a secretaría, “elaboraranse unha serie de actividades para guiar a súa observación e fomentar o labor de investigación do alumnado, que se xuntarán á exposición en forma de guía ou cuestionario”. Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros. Ademais, a mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.Todos os centros que estean interesados participar nesta iniciativa poderán facelo ata o 16 de xaneiro, día en que remata o prazo para a admisión dos traballos.
As bases do concurso de relatos
Volvendo ao concurso de relatos co que abrimos este artigo, dicir que as persoas interesadas poden participar no mesmo ata o 15 de decembro, día en que remata o prazo de admisión dos relatos. Os traballos, que deberán ser inéditos e estar escritos en galego, non poderán exceder os 1.200 caracteres. O concurso premiará os tres mellores minicontos con tres galardóns: o primeiro dotado con 600 euros, o segundo con 300 euros e o terceiro con 100 euros.
Cada autor ou autora ten a opción de concursar cun máximo de tres minicontos. Só un deles poderá ser seleccionado polo xurado, que estará composto por un xornalista representante do xornal LV. De Luns a Venres, un escritor membro do Centro PEN de Galicia e outras tres persoas relacionadas co ámbito da literatura galega.
O resultado do certame farase público a finais de decembro de 2011 e os minicontos gañadores serán publicados no gratuíto galego e na súa edición dixital. No inicio do ano que vén terá lugar o acto literario no que se fará entrega dos galardóns.
357 minicontos na primeira edición
A secretaría xeral colabora con este certame desde a súa primeira edición, na que participaron un total de 357 relatos en galego procedentes de diversos países, entre eles Alemaña, Holanda, Francia, Arxentina e Uruguai. Nesa primeira edición, o texto No ventre morno do río, de Silvia Álvarez Baamonde, levou o primeiro premio; Controladores e calendarios, de José de La Torre Culler, acadou a segunda distinción; e Calcio, de Eugenio Alonso Álvarez, recibiu o terceiro galardón.

PUBLICIDADE