En marcha e con obxectivos renovados a segunda edición da Factoría da Innovación de Vigo

martes, 15 de xullo do 2014 Redacción

Hai Factoría de Innovación de Vigo para rato. Así o confirmaron este martes a Escola de Organización Industrial, o Consorcio da Zona Franca e a Universidade de Vigo, responsábeis da posta en marcha da segunda edición da Factoría (unha iniciativa que conta co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). O obxectivo é subir un novo chanzo na escada do apoio ao emprendemento e a integración de iniciativas innovadoras nas PEME do sur de Galicia. “Esta nova convocatoria”, sinalaron, “dará continuidade ao éxito obtido na edición anterior, na que participaron máis de 750 empresas e impartíronse 600 horas de consultoría, que permitiron que 30 compañías de diferentes sectores puidesen deseñar e pór en marcha un proxecto innovador”.
A nova etapa da Factoría, que se presentou hoxe pero porase en marcha en setembro, inclúe entre outras cousas un Plan de Consultoría Individualizado, que é un programa no que poderán participar dúas ducias de empresas e abrangue sesións de traballo individuais e colectivas sobre innovación e xeitos de converter ideas creatividades e realidade, adestramento e asesoramento en conceptos como competitividade ou fórmulas para situar a nosa empresa nun lugar visíbel (física e virtualmente). Por outra banda, entre os meses de outubro de 2014 e marzo de 2015 organizaranse 14 actividades en aberto, desde seminarios a exposicións de tendencias ou obradoiros en vivo, dirixidas a avaliar os mecanismos que existen para acadar que as compañías sexan verdadeiramente innovadoras e sustentábeis.
O período de inscrición para participar no Plan de Consultoría Individualizado comezará a mediados do mes de xullo e prolongarase até despois do verán. As empresas interesadas deberán realizar a súa solicitude a través da web da Factoría de Innovación de Vigo, onde se habilitará un espazo específico para este fin.

PUBLICIDADE