En marcha Lugomove, unha web para desenvolvedores e destinatarios de accións culturais en toda a provincia

xoves, 16 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Amais da presentación do seu Congreso da Cultura Dixital, da que avanzamos onte unha serie de detalles, a Deputación de Lugo estivo esta semana atarefada na posta en longo doutra iniciativa TIC. Máis concretamente, o seu espazo en liña cultural, a xeito de axenda dixital, un espazo informativo para dar conta de canta actividade de lecer se celebre na provincia e achegar un escenario común de promoción para artistas e colectivos da provincia. O espazo en liña chámase Lugomove e foi presentado este mércores, da man da Vicepresidencia Primeira da Deputación, departamento responsábel da súa posta en marcha.
A web, artellada en diferentes categorías (por vilas, cidades e bisbarras, e tamén por tipo de actividade: teatro, cinema, circo, danza, exposicións, música, festivais etc), é unha web para espectadores e para actores, artistas, músicos e demais. De feito, permite aos interesados integrar as súas propias iniciativas na axenda. Isto materialízase no apartado de colaboradores, onde concellos, asociacións, grupos, compañías, creadores e todo tipo de entidades poden dar a coñecer as súas actividades de lecer dentro da provincia de Lugo a través desta axenda cultural.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de presentar esta semana o devandito portal, ao que cualificou de “ferramenta cultural que serve de nexo de unión entre todos aqueles axentes que son dinamizadores da cultura na provincia de Lugo”, ao que engadiu: “É unha aposta pola promoción cultural desde a base, agora que a Xunta de Galiza desde o AGADIC está a reducir drasticamente o seu apoio ao sector”.
Mario Outeiro fixo saber, ao mesmo tempo que se abría a páxina web para uso público e se amosaba aos medios, que LugoMove “nace coa pretensión de ser un espazo de referencia sobre os recursos culturais e de lecer existentes na provincia de Lugo, un portal no que se reúne toda a oferta de actividades da provincia, onde o usuario poderá acceder a toda a información sobre as diferentes actividades (concertos, exposicións, obras de teatro, festivais, espectáculos de danza, circo…) que se organizan en cada comarca. Ao mesmo tempo que LugoMove se presenta como un punto de referencia para o usuario a través da súa axenda de programación, tamén pretende ser unha ferramenta de difusión a través do apartado de colaboradores. Desta maneira, os Concellos, asociacións, grupos, compañías e todo tipo de entidades poden dar a coñecer as súas actividades de lecer dentro da provincia de Lugo a través desta axenda cultural”.

PUBLICIDADE