En marcha a plataforma en liña Queremos Culturgal09

mércores, 16 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede galega segue a mobilizarse a prol da feira Culturgal, encontro das empresas e dos profesionais vinculados á nosa cultura e que por mor da falta de apoio económico por parte da Xunta podería cancelarse na súa edición de 2009. Pois ben, se o outro día falabamos nesta web da posta en marcha dunha fronte común en Facebook para lanzar adiante a xuntanza sen a limitación das axudas públicas, agora cómpre facer referencia á constitución da plataforma Queremos Culturgal09, mobilización virtual con feitura de blog, abrigada por Blogaliza e dirixida a recoller apoios para acadar que a celebración da feira sexa unha realidade.
Con este fin, ofrécese a posibilidade de encher formularios para difundir os contidos e obxectivos da plataforma, adherirse á mesma e/ou facer uso do banner específico da campaña a xeito de altofalante virtual.
Amais do devandito, dende a nova bitácora colectiva estase a informar polo miúdo da traxectoria de Culturgal e da súa importancia para a defensa da nosa cultura e das persoas que desenvolven o seu labor profesional arredor dela.
A poucas horas da posta en marcha da campaña, esta xa foi alén da cifra das/os setenta voluntarias/os.

PUBLICIDADE