En marcha a nova edición do Coworking da Deputación de Pontevedra e a EOI

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de proxectos da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, asistiron este xoves 20, na sede da Deputación en Vigo, á apertura do Coworking que promoven ambas institucións e que se desenvolverá en Vigo, Tui e Silleda.
Neste novo servizo de traballo e emprendemento colaborativo e innovador participan de persoas autónomas e emprendedoras de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo. A partir deste xoves 20 dotaranse das ferramentas necesarias para fomentar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación. Na sesión de apertura interactuaron nun café networking e nunha sesión grupal co emprego da metodoloxía LEGO Serious Play.
A presidenta Carmela Silva puxo en valor as experiencias da EOI, coa que a Deputación xa puxo en marcha outras edicións deste programa entre 2017 e 2021, “porque temos conciencia de canta xente emprendedora, e particularmente de cantas mulleres, temos nesta provincia” e subliñou “a relación empática, colaboradora e con obxectivos comúns que mantemos”.
Pola súa banda, o director de proxectos da EOI, Javier Benito, animou as persoas participantes a que “aproveitedes moitísimo as oportunidades, as clases e as titorías co profesorado: espremédeo ao máximo, sacádelle todo o xugo posible e contádelle as vosas ideas porque contar con elas e eles, que son grandes profesionais, fai que este Coworking sexa moi interesante para vós”.
No servizo participarán Víctor Gómez, (coa empresa de take away Riquiñas. Filloas Gourmet), Montserrat Gálvez, de Redondela (guía turística freelance), Johely Barrios, de Baiona (coa revista La Sociocultural), Alfonso Caride, de Mos, e Gabriel Varela, do Porriño (cunha aplicación informática de fidelización de clientela para pemes na hostalaría), Eglis Cruz, de Silleda (cun proxecto para o mantemento e mellora da saúde física e mental), Ana Urquijo, de Vigo (cun proxecto de coaching para persoas creadoras e creativas e tamén para persoas con TDAH), Miguel Ángel Rodríguez, de Soutomaior (cun proxecto de bosque circular, innovador que transforma in situ a biomasa residual forestal en produtos de alto valor económico), David Gil, de Vigo (cunha consultoría compliance para pemes), Maximiliano Nicolás Piñeiro, de Vigo (cun proxecto para solucionar problemas tecnolóxicos e de reparación en vilas galegas onde non existe este servizo), Antía Montero, de Tui (cunha empresa de traballos verticais ligados á construción), Cecilia Portela, de Tui (propietaria do estudio de arquitectura Propostas Arquitectura), María Cristina Alves, de Tui (cunha empresa creativa de bordados a medida), Modesto Martínez, de Marín (cun simulador de toma de decisións en situacións de crise para o sector sanitario), María Jimena Varela Rodríguez, de Tomiño (cunha consultoría en plans e proxectos sobre paisaxismo, relacionados coa conservación da biodiversidade e a mitigación e adaptación ao cambio climático), Francisco Javier Argüelles Menaz, de Tui (cun centro diáfano onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio), e Sara Fontán César (dona da inmobiliaria DeLuxo Inversiones Inmobiliarias).
Sobre o coworking da Deputación e a EOI
As persoas participantes recibirán unha formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego, e beneficiaranse dun intenso proceso de mentoring. A formación será a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondarán en conceptos como estratexia e ecosistema emprendedor, modelos de negocio, validación e monetización, deseño de equipos, finanzas e financiamento, crowdfunding, xestión empresarial e vendas e habilidades de comunicación. Na xornada de apertura participaron na sesión de LEGO Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, explorando as relacións e conexións entre as persoas e o mundo, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.
O coworking tamén inclúe sesións de asesoramento individual dos proxectos emprendedores, nas que se acompañará cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e se axudará a resolver as súas necesidades. Ao longo do programa, desenvolveranse diferentes eventos nas tres sedes (Vigo, Tui e Silleda) co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras. E tamén, nas últimas semanas do Coworking, realizarase un demo day no que se presentarán os proxectos e o alcance dos mesmos.

PUBLICIDADE