En marcha a nova edición de Montañas en Rede, mostra dixital a prol do coidado dos nosos cumios

venres, 28 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O coidado do medio ambiente non debe nin pode rematar no contorno dos fogares. De xeito paradoxal, e para comprobalo non hai máis que percorrelos, moitos dos montes galegos teñen hoxe por hoxe problemas medioambientais máis graves e máis visibles ca unha boa parte dos espazos máis próximos ás aldeas, as vilas e as cidades. Uns cantos exemplos: a proliferación masiva do eucalipto (especie que precisa do lume para medrar e que seca e envelena os solos), a vertedura incontrolada de cascallos de todo tipo ou o trazado a esgalla de pistas e estradas que só incrementan a fragmentación dos bosques e a achega de lixo. Co obxectivo de concienciar na medida do posible á sociedade sobre o problema, ADEGA e RedMontañas veñen de convocar a edición galega de Montañas en Rede, unha iniciativa reivindicativa que busca tirar partido das ferramentas dixitais para manter o mellor futuro posible para os nosos ecosistemas.
A proposta, que se celebra a nivel estatal (con 179 ascensións rexistradas o ano pasado, 20 delas na nosa xeografía) e vai pola súa quinta edición, desenvolverase os días 29 e 30 de maio co seguinte epígrafe: As montañas si importan.
Participar, informa ADEGA, é ben doado. O primeiro que termos que facer é descargar un arquivo (pdf) para usar logo como faixa nesta edición 2010 da iniciativa. O segundo, subir á montaña, cumio ou outeiro que máis nos praza, sós ou ben acompañados. Logo, tiraremos unha imaxe da nosa chegada ao curuto que teñamos elixido, facendo visible a nosa faixa e facilitando deste xeito a identificación co proxecto. Unha vez feito isto, subiremos a foto resultante á Galería Montañas en Rede 2010.
Será opcional, aínda que recomendable, enviala tamén ao equipo de ADEGA, a través da conta adega@adega.info. Por medio deste enderezo, que vén protexido de programas autómatas de envío de correo non desexado, teremos que facer saber o cumio do que se trata, a autoría da foto e a problemática que vai ligada ao lugar en cuestión.
Os responsables da asociación ecoloxista serán os encargados de subila.
Por certo que este ano a mostra en liña acompáñase dun concurso fotográfico, cuxas bases xa podemos ver penduradas na rede, tamén en pdf. Toda a iniciativa en liña, como dixemos, diríxese a pór de relevo os moitos obstáculos cara a conservación idónea dos nosos montes que se rexistran a día de hoxe, facéndolle saber ás administracións que é preciso pór en marcha unha protección efectiva “alén das declaracións institucionais e dos actos propagandísticos”.
En Galiza, informa ADEGA, “moitas áreas de montaña carecen de protección e están sometidas á depredación das eléctricas, canteiras... Mesmo as áreas formalmente protexidas (Rede Natura, Parques Naturais, etc.) seguen sen contar cos instrumentos de xestión obrigatorios por lei que deberían permitir harmonizar a conservación dos seus valores naturais co desenvolvemento sustentábel e os beneficios para os seus habitantes.

PUBLICIDADE