En marcha a cuarta edición dos Orzamentos Participativos da Coruña

venres, 26 de abril do 2019 Redacción

O Concello da Coruña vén de abrir a cuarta edición do programa de Orzamentos Participativos, unha ferramenta posta en marcha no ano 2016 e que ten como finalidade favorecer a participación e decisión directa da veciñanza sobre o destino dunha parte do presuposto xeral do ano 2020. A edil Claudia Delso foi a responsable de dar a coñecer a apertura do programa, «un proceso xa consolidado neste Concello», que comezou onte mesmo coa fase informativa, de debate e de presentación de achegas veciñais para a execución de proxectos de gasto. Até o 21 de maio, a cidadanía poderá presentar as súas iniciativas a través da plataforma web que sustenta o proceso. Unha vez remate esta fase, abrirase de seguido a de apoios, de xeito que cada veciña ou veciño poida referendar as iniciativas que máis lle convenzan. Tras unha fase de avaliación as propostas priorizadas pola cidadanía, que se levará a cabo no verán por parte dos servizos municipais, terá lugar a votación final. As iniciativas propostas e elixidas pola veciñanza que recaden un maior número de votos incorporaranse ao proxecto inicial de orzamentos do goberno local para o seguinte exercicio.
En total, nesta edición o Concello destinará 3 millóns de euros para proxectos de investimentos, dos cales 1 millón será para iniciativas que se dirixan ao conxunto da cidade, mentres que os outros 2 millóns repartiranse, equitativamente, entre os 10 distritos que conforman o termo municipal (200.000 euros para cada un deles).
Nos Orzamentos Participativos poden participar todas aquelas persoas empadroadas na Coruña, maiores de 16 anos. O proceso realizarase a través da plataforma A Porta Aberta, na que deberán verificar a súa conta de usuaria. Todas aquelas persoas que xa participaron en procesos anteriores non terán que facer este paso e, no caso de ter algún problema durante o acceso, poderán chamar ao teléfono de atención gratuíta 010. Precisamente este servizo, así como o persoal de bibliotecas municipais, centros cívicos, Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana ofrecerán soporte e asesoramento a todas aquelas persoas que teñan necesidade do mesmo, «co obxectivo de garantir a participación cidadá, de xeito sinxelo, no proceso», apuntou a responsable municipal.

PUBLICIDADE