En marcha a asociación galega de profesionais das redes sociais, Adouspuntocero

venres, 25 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Semella que as redes sociais botan firmes raizames na nosa terra. En consecuencia, usuarios e desenvolvedores anímanse a debater sobre as súas posibilidades, a contribuír a que saibamos separar o gran (que o hai) da palla (que tamén hai). Froito disto ben pode ser o encontro Compostweets que se celebra este sábado en Santiago de Compostela, e tamén a posta en marcha da Asociación de Profesionais de Social Media en Galicia, unha entidade creada hai poucos días e que se coñece na Rede xa co nome galego de Adouspuntocero. A iniciativa, que ten páxina propia (aínda que en construción), é a primeira agrupación galega constituída por profesionais dedicados á creación e execución de estratexias de comunicación en redes sociais.
Segundo informan, contan xa con sede en Santiago de Compostela e o seu obxectivo fundamental é contribuír ao afianzamento e desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa terra a través desta tendencia participativa das redes que se impón. Ao seu xuízo, a posibilidade de participar activamente na construción da Rede (que é no que consiste a Rede 2.0 e as súas fillas, as redes sociais) é unha boa oportunidade para que despeguemos tecnoloxicamente e, tamén, para sermos máis competitivos e eficaces no mercado.
A maiores, a finalidade da Asociación é promover a creación de programas 2.0 dende o noso territorio, defendendo os intereses dun sector que, a xuízo da entidade, atópase en clara fase de espallamento, “tanto en Galicia coma no resto do España”. En resumidas contas, do que se trata é de artellar un sector aínda novo, pero “cun medre expoñencial e cun futuro (presente) que xa está aquí”. Adouspuntocero, que ten o seu miolo en Socialmedia Network, xorde tamén co arela de actuar e desenvolverse como unha comunidade 2.0. De feito, está aberta a participación de novos membros e a inclusión no seu seo de tódalas sensibilidades e puntos de vista. “Entre todas e todos, sumamos”, din.

PUBLICIDADE